17 de dec. de 2024

DEPORTES

Comunicado do Club Balonmán Atlético Guardés


 Ante os graves acontecementos do partido da pasada fin de semana entre os clubes Sanxenxo e Rasoeiro, que remataron cunha persoa en estado crítico, a Federación Galega de Balonmán, xunto co colectivo arbitral e os demais clubs de balonmán galegos, vén de decidir o peche de portas ao público de tódolos partidos de categorías autonómicas ata o vindeiro 18 de xaneiro de 2025.  

 Trátase dunha primeira medida de concienciación contra actos de violencia coma o desta fin de semana, por desgraza cada vez máis frecuentes, pero que sen dúbida non teñen cabida no noso deporte e que están completamente afastados dos valores que buscamos transmitir aos nosos deportistas e seguidores.  

 Dende o Club Balonmán Atlético Guardés compartimos a decisión da Federación e sumámonos á medida, que consideramos un primeiro paso no camiño para evitar que situacións coma esta se repitan no futuro. Asemade, enviamos os nosos mellores desexos á persoa vítima da agresión e toda a forza e azos para os seus achegados, entre os que se atopa un membro do colectivo arbitral galego.  

 Pregamos comprensión e seguiremos informando de calquera novidade ao respecto. 

 Máis información na web da Federación Galega

Ningún comentario:

Publicar un comentario