6 de nov. de 2024

VIGO

A asemblea do persoal de Vitrasa aposta por retomar as mobilizacións 

Para reclamar un convenio colectivo digno 


Mobilización do persoal de VITRASA, concesionaria do transporte urbano na cidade de Vigo
Foto: Cedida

 Comité de empresa de VITRASA

 A asemblea de persoas traballadoras de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu onte retomar as mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. De xeito que nas vindeiras semanas desenvolverán novos paros parciais e xornadas de folga, ademais de manifestacións e concentracións. A primeira delas terá lugar este mesmo venres día 8, cunha manifestación dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas. 

 Dende a representación sindical lembramos que tras máis de sete meses de “paz social” e unha vez cumpridas as expectativas que esixía a concesionaria (recuperación de viaxeiros/as e reequilibrio económico por parte do Concello) Vitrasa pretende deixar os anos 2021, 2022 e 2023 sen suba salarial para o seu persoal. A proposta da empresa contempla uns incrementos para os anos 2024 ao 2027 -cabendo mesmo a posibilidade de que xa nin sequera estea operando na cidade daquela- e case ningunha mellora no ámbito social. 

 Desde o comité non entendemos como despois de recibir máis de 18 millóns de euros e recuperar viaxeiros/as (case 70.000 diarios/as) -o que fai poñerse á empresa practicamente no mesmo nivel que o ano 2019 (ano récord de viaxeiros/as)- Vitrasa non ofreza nada aos empregados/as para recuperar o poder adquisitivo perdido entre 2021 e 2023, no que os IPC se dispararon. 

 Ademais, a oferta social está moi ben decorada pero baleira de contido: ofrécennos unhas melloras que non son reais e que unicamente solucionan os problemas da empresa, chegando ocasións chegan a empeorar as condicións do persoal. 

 Por outra parte, debemos afear a actitude do Concello de Vigo, ao que lle solicitamos unha reunión hai semanas para explicar de primeira man a nosa problemática e aclarar os termos do reequilibrio, e nin sequera contestou á nosa solicitude. Logo escoitaremos ao alcalde vendendo unicamente a versión distorsionada da realidade que dá a empresa sen escoitar ás persoas traballadoras. 

 Todo isto obríganos a retomar as mobilizacións para esixir acordos que sexan satisfactorios para as dúas partes. Unhas protestas que se iniciarán esta mesma semana cunha manifestación o venres 8 dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas e que continuarán con xornadas de paros parciais (aínda por determinar) a partir da semana do 18 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario