14 de nov. de 2024

VIGO

A Deputación celebrará este venres xunto coa Asociación Ponte nas Ondas o Día Internacional do Patrimonio no Centro Cultural Valadares de Vigo 

A institución provincial destinou este ano 15.000 euros a Ponte nas Ondas para poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués


Infogauda / Vigo

 A Deputación de Pontevedra celebrará este venres, 15 de novembro, ás 11:30 horas, no Centro Cultural Valadares de Vigo, xunto coa Asociación Ponte nas Ondas o Día Internacional do Patrimonio. 

 A institución provincial destinou este ano 15.000 euros á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, recoñecida pola UNESCO, para a retransmisión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Ademais da celebración do Día Internacional do Patrimonio en Valadares, onde tamén se entregarán os premios do VII Certame “As imaxes do patrimonio”, ambas entidades organizaron obradoiros de radio e podcast en oito centros educativos da provincia.  

 O obxectivo desta colaboración é erixir a cultura como elemento integrador do territorio transfronteirizo e poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, involucrando ao alumnado dos centros educativos da provincia de Pontevedra na súa preservación.  Deste xeito, o Día Internacional do Patrimonio celebrarase cun festexo en Valadares ao que están previsto que asistan grupos de ata 15 centros educativos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal gañadores da sétima edición de “As imaxes do patrimonio”. Ademais, o acto público para a celebración desta efeméride contará cunha emisión por radio e internet e unha actuación musical.  

 A Deputación de Pontevedra colabora con Ponte nas Ondas para poñer énfase no vencello entre pertenza, territorio, identidade e cultura, aumentando a interrelación para afondar na recollida e estudo do patrimonio cultural histórico inmaterial transfronteiriza, así como para poñelo a disposición da cidadanía en formatos áxiles e modernos que garantan a máxima flexibilidade e dispoñibilidade de consulta. Neste eido, ao longo destes meses organizáronse oito obradoiros de radio e podcast no CEIP Petelos de Mos, no CEIP Seis do Nadal de Vigo, no CEP Altamira de Salceda de Caselas, no IES San Paio de Tui, no IES do Barral de Ponteareas, no IES Terra do Turonio de Gondomar, no IES Luis Seoane de Pontevedra e no IES de Salvaterra de Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario