15 de nov. de 2024

TUI

“Que a vergoña cambie de lado”  lema da programación do 25N en Tui 

O luns 25 de novembro celebrarase un dobre acto reivindicativo pola mañá coa comunidade educativa e á tarde o institucional  


Acto do 25N correspondente a 2023
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 “Que a vergoña cambie de lado. A nosa voz, contra as violencias machistas!” é o lema co que o Concello de Tui vai conmemorar este ano o 25N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nas dúas próximas semanas vaise desenvolver un amplo programa de actividades reivindicativas, formativas, e de reflexión. Nas mesmas vai participar a comunidade educativa tudense, xunto a entidades feministas, corpos de seguridade, institucións, profesionais da cultura, entre outros.  

 A programación deste ano parte precisamente do lema “Que a vergoña cambie de lado” pronunciado pola pola francesa Gisèle Pelicot, o pasado mes de setembro no xuízo dun dos casos máis relevantes e mediáticos dos últimos tempos. Pelicot alzou a súa voz, renunciando ao seu dereito ao anonimato e realizando unha das denuncias máis duras contra as violencias machistas, para que o seu caso poida ser exemplo para moitas outras vítimas, nun berro de reivindicación poñendo o foco na xustiza social e na necesidade de apoio ás mulleres que deciden denunciar, a pesar da “vergoña”, do cuestionamento público e da estigma social de por vida, co que inxustamente asumen que van a cargar. O mesmo é aplicable a nivel nacional e galego.  

 A programación do 25N comezará o próximo mércores, 20 de novembro, ás 19 h, no edificio Francisco Sánchez, coa actriz Arantxa Treus e a divulgadora científica Leticia Costas coa charla en clave de humor “A ciencia da adolescencia”.  

 Amais os martes 19 e 26 desenvolverase a formación para axentes que interveñen na loita contra a violencia machista e na promoción da igualdade co obxectivo de avanzar na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.  

 O luns 25 de novembro, será o día central destra programación con dobre acto reivindicativo. Ás 11.30 h na praza de san Fernando desenvolverase un acto colectivo e participativo en colaboración coa comunidade educativa do municipio e no que participarán tamén a poeta Yolanda Castaño, a cantante Wöyza, e a bailarina Yara Juncal. Froito do programa “Boas Vibes” desenvolvido nas últimas semanas presentarase unha creación artística para promover a igualdade. Haberá ao longo de todo o acto unha acción performativa do alumnado do CEIP nº 1, e o alumnado dos centros educativos darán lectura aos manifestos do 25N.  

 Xa pola tarde, ás 18 h na praza do Concello celebrarase o acto institucional no que a escritora Rexina Vega dará lectura ao manifesto e contarase coa performance “Non violarás”, de Neves Seara e Catuxa Salom.   

 O mércores 27 ás 19 h no edificio Francisco Sánchez presentarase o libro “Os anos tranquilos”, de Llerena Perozo Porteiro.   

 Por outra parte o sábado 30 no Mercado de San Antonio desenvolverase a performance “Corazón”, de Iria Sobrado. 

 Xunto a estas actividades desenvolveranse tamén outras iniciativas coma programas formativos e charlas informativas en centros educativos nunha clara aposta polo traballo dende a base e as novas xeracións.   

 Dende o próximo luns 18 e até o mércores 27 a Radio Municipal de Tui contará tamén na súa programación matinal cun espazo dedicado ao 25N coa presenza de diversas persoas expertas nas que se abordará dende a educación, as axudas, as actividades previstas,...

Ningún comentario:

Publicar un comentario