O Concello de Tui convoca o II Concurso de Escaparates de Nadal para dinamizar o comercio local e fomentar a creatividade
Os establecementos poderán presentar a súa solicitude até ás 15 h do xoves 12 de decembro
Infogauda / Tui
Dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante o Nadal, a través da decoración creativa dos escaparates dos establecementos situados no termo municipal, e o obxectivo do o II Concurso de Escaparates de Nadal 2024/2025 convocado polo Concello de Tui a través da concellería de Emprego e Comercio. Convídase así ao comercio local a engalanar os seus escaparates con propostas orixinais e festivas coa temática de Nadal empregando técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais. Deste xeito agárdase incentivar as compras de Nadal tanto por parte da veciñanza coma dos persoas que visiten Tui durante estes días. Na realización desta actividade o Concello de Tui conta coa colaboración de ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui.
Poden participar no concurso todos os establecementos comerciais minoristas e negocios de servizos con escaparates visibles desde a vía pública en Tui. Para iso deberán remitir un correo electrónico, xunto cos datos requiridos nas bases, unha pequena memoria do escaparate e dúas fotografías, a comercio@tui.gal até ás 15 h do xoves 12 de decembro.
O xurado, presidido pola concelleira de Emprego e Comercio, e integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas de escaparatismo, deseño, márketing, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, seleccionará entre todos os participantes 10 escaparates finalistas atendendo a criterios como a orixinalidade, a composición, o uso de artigos comerciais como elementos decorativos, a interacción co público e o esforzo e traballo empregado na decoración. Posteriormente, entre o 27 de decembro e o 6 de xaneiro, o público poderá participar na votación a través da plataforma Easypromos, puntuando aos escaparates finalistas. O fallo do xurado farase público o 9 de xaneiro de 2025, e os premios que se outorgarán serán de 300 € para o primeiro posto, 200 € para o segundo e 100 € para o terceiro.
As bases completas do concurso pódense consultar na web do Concello de Tui.
A concelleira de Emprego e Comercio, Ana Núñez, destaca que coa convocatoria deste II Concurso de Escaparates de Nadal “búscase reforzar o espírito do Nadal en Tui, animando aos nosos comercios a destacar con creatividade e sostenibilidade”. Engade que dende o Concello “queremos apoiar e premiar o esforzo dos comerciantes que, coa súa orixinalidade, convidan á cidadanía a vivir un Nadal especial nas rúas de Tui”. Conclúe Ana Núñez indicando que “a través desta iniciativa, apostamos por un comercio próximo, sostible e atractivo que favoreza a dinamización económica e comercial do municipio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario