12 de nov. de 2024

TOMIÑO

Este ano Tomiño celebrará o I Concurso de Árbores de Nadal  

A praza do Seixo albergará as diferentes composicións, nas que poderá participar toda a veciñanza    




Infogauda / Tomiño

 Este ano Tomiño vai vivir un Nadal moi especial. Con motivo da celebración das festas navideñas, as concellarías de Cultura e Medio Ambiente convocan o I Concurso de Árbores de Nadal. 

 A praza do Seixo albergará este singular certame e o Concello, anima a toda a poboación a participar na decoración do céntrico espazo público. 

 Poderán anotarse todas as tomiñesas e tomiñeses que o desexen, sendo necesario inscribirse previamente enchendo un formulario en liña, onde tamén poderán atopar as bases completas do certame. Ademais, para facer efectiva a participación no concurso, antes do 18 de decembro, será necesario enviar ao correo tecnica.medioambiente@tomino.gal a seguinte documentación: unha fotografía da árbore presentada con calidade suficiente, xunto cun pequeno texto descritivo da proposta e dos materiais utilizados. Tamén é requisito enviar unha copia do DNI de todas as persoas que formen o grupo. 

 O prazo para apuntarse e participar está aberto ate o día 11 de decembro. Establécese unha única categoría que será a grupal, cun mínimo de dúas persoas e sen número máximo. Neste senso, poderán ser asociacións ou similares, familias, grupos de amigos e amigas, alumnado, etc. 

 O premios consistirá en tres cheques económicos, sendo o 1º premio de 600€; o 2º premio de 300€ e o 3º premio de 150€. 

 O xurado valorará criterios como o deseño, a creatividade e o grado de dificultade do traballo realizado; tendo en conta tamén a ambientación navideña, a orixinalidade, a iluminación, a montaxe e a utilización de materias ecolóxicos e resistentes á intemperie.

Ningún comentario:

Publicar un comentario