Tomiño dota ao Auditorio de Goián de novos panos e sistema de seguridade
• O investimento total foi de 31.351,23€, dos que a Consellería de Cultura achegou 11.500 e o resto correu a cargo do Concello, con fondos propios
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño vén de dotar ao Auditorio de Goián dun mellor sistema de vídeovixiancia co fin de garantir a seguridade do equipamento, o máis importante no seu tipo que posúe o municipio. A instalación do sistema de seguridade tivo que levarse a cabo en sucesivas intervencións.
O sistema de alarma instalado é un equipamento que ofrece gran variedade de detectores cun deseño atemporal e pode ser manexado desde calquera lugar grazas ao seu acceso completo por control remoto, xa que conta cunha aplicación para teléfono intelixente que permite controlar, programar e monitorizar o sistema de forma virtual.
O concelleiro encargado da área de Obras, Acción Rural e Novas Tecnoloxías, Alexandre Pérez Souto explica que “Tomiño segue apostando pola modernización do auditorio de Goián; e por iso instalouse un novo sistema de videovixilancia para mellorar a seguridade. Cada vez hai máis e mellor equipamento no auditorio, polo que tamén precisamos un maior control do mesmo”.
Por outra banda, mellorouse o escenario coa instalación dun pano traseiro e dous laterais. “Co paso do tempo - engade Alexandre Pérez - as cortinas fóronse deteriorando ata que foi necesaria a súa substitución. As novas son de maior calidade, ignífugas e, como novidade, pódense abrir e pechar con facilidade en función das necesidades de cada tipo de evento, facendo o escenario máis versátil.
O investimento total foi de 31.351,23€, dos que a Consellería de Cultura achegou 11.500 e o resto correu a cargo do Concello, con fondos propios”.
O edificio do auditorio de Goián foi remodelado no 2015. As reformas consistiron no acondicionamento dos espazos exteriores do auditorio, como da escola de música, e a ampliación do vestíbulo, novos camerinos, impermeabilización dos espazos que ocupa a escola de música, e un acceso dende o exterior ao escenario.
No 2021 adquiriuse equipamento de son, audiovisual e iluminación da platea e do escenario. Actualmente, o Auditorio atópase en funcionamento, cunha programación cultural activa.
Finalmente, o concelleiro encargado da área de Obras, Acción Rural e Novas Tecnoloxías argumenta as razóns da actuación realizada: “O edificio do auditorio contén por tanto equipamentos de contía significativa: equipos de son, iluminación, imaxe, instrumentais, etc., polo que resulta conveniente e necesario dotalo dunha instalación de seguridade apropiada.
Na última remodelación que se fixo, no 2021, levouse a cabo unha ampliación do escenario, quedando pendentes a adquisición de novos panos, que se fixo agora”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario