27 de nov. de 2024

A GUARDA

O grupo municipal do PSdeG-PSOE solicita a comparecencia dun concelleiro do PP

 Que leva sin asistir a ningún dos plenos do presente ano 2024


Anxo Pena Pérez, concelleiro do grupo municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda
Foto: FB

Infogauda / A Guarda

 O concelleiro Anxo Pena Pérez, do grupo municipal do Partido Popular, no Concello de A Guarda, leva tempo sen verse pola vila guardesa. De feito, segundo indica o grupo municipal do PSdeG-PSOE "(...) non compareceu en ningún dos 13 plenos que tiveron lugar durante o presente ano 2024 (...)".

 Con todo, na súa autopresentación nunha coñecida rede social, Anxo Pena Pérez, indica textual - e literalmente - o seguinte:  

Asesor de Comercio Internacional e Inversiones en Embajada de España en la República Dominicana.  

Concejal de Comercio, empresa, empleo e innovación tecnológica en Concello de A Guarda.  

Traballou como Director en Oxford Sixth Form College en Oxford Sixth Form College.  

Estudou en Universidade de Vigo.  

Estudou MBA of International Management en ICEX España Exportación e Inversiones.  

Estudou en University College Cork.

 Asemade, inclúe:

 Unha ligazón a unha coñecida rede profesional en liña, que premendo na mesma, indica No hemos encontrado coincidencias para «https://www.linkedin.com/in/anxo-pena-pérez-126b75b4». 

 E dúas ligazóns a sendas informacións publicadas en dous xornais, en datas 16 de xullo de 2015 e 2 de novembro de 2018, respectivamente.

 En calquer caso, na sesión plenaria deste mércores 27 de novembro de 2024, vai ser tratada a seguinte iniciativa:

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DA GUARDA  SOLICITANDO A COMPARECENCIA EN PLENO DO CONCELLEIRO DE  EMPRESA, COMERCIO, INDUSTRIA, EMPREGO E INNOVACIÓN  TECNOLÓXICA     

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda, ao amparo da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para o seu debate e votación en Pleno:    

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS    

 Desde a súa aceptación do cargo en xuño do 2023, o Concelleiro Delegado de Empresa, Comercio, Industria, Emprego e Innovación Tecnolóxica, D. Anxo Pena Pérez asistiu unicamente ás  sesións plenarias que tiveron lugar durante dito ano, pero non compareceu en ningún dos 13 plenos que tiveron lugar durante o presente ano 2024.   

 A maiores, durante o presente ano puidemos constatar que non se están levando a cabo iniciativas significativas nas áreas da súa competencia, as cales son fundamentais para o desenvolvemento económico e o benestar da nosa localidade.   

 Esta reiterada ausencia evidencia unha falta de compromiso coas funcións asignadas e unha irresponsabilidade que non só afecta ao desenvolvemento de áreas clave para o crecemento económico da Guarda, senón que tamén demostra unha falta de respecto cara ao órgano municipal e á cidadanía que confía na súa representación efectiva.  

 Consideramos que a inacción do equipo de goberno fronte a esta situación compromete gravemente os principios de responsabilidade e transparencia na administración pública. Asumir un cargo implica un compromiso formal e ético co desempeño efectivo das súas funcións. No caso contrario, a opción máis honesta e responsable é a dimisión, para permitir que outra persoa asuma o cargo e cumpra coas obrigas inherentes.  

 Polo anteriormente exposto, o Grupo Socialista do Concello da Guarda presenta para a súa aprobación polo Pleno Municipal os seguintes  

ACORDOS:  

1- Requirir a presenza do Concelleiro de Empresa, Comercio, Industria, Emprego e Innovación Tecnolóxica, D. Anxo Pena Pérez na próxima sesión plenaria ordinaria, para que dea conta da súa xestión desde o inicio da lexislatura ata o presente, especificamente nas áreas da súa competencia, así como dos seus plans de actuación para a vindeira anualidade.

 2- Incluír este asunto como punto na orde do día da próxima sesión plenaria ordinaria.   

 Na Guarda, a 13 de novembro de 2024     

Asinado: Fátima Rodríguez Marcos  

Voceira do Grupo Municipal Socialista da Guarda    

SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO. CONCELLO DA GUARDA 

Ningún comentario:

Publicar un comentario