14 de nov. de 2024

O ROSAL

Unha viaxe fotográfica á historia da emigración galega a través dos ollos da Axencia EFE  

O Rosal acolle a exposición itinerante ‘Nós tamén fomos emigrantes’ de Afundación e Abanca   


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís e a concelleira Beatriz Rodríguez Alfonso, cos representantes de Afundación e ABANCA, na inauguración da mostra ‘Nós tamén fomos emigrantes’
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Unha viaxe fotográfica no tempo para reencontrarse cos rostros e historias de quen deixou Galicia na procura dun futuro mellor. Así é a mostra itinerante ‘Nós tamén fomos emigrantes’, que se inaugurou este xoves no salón de exposicións do Concello do Rosal e que achega ao público a unha valiosa antoloxía de 40 imaxes dos arquivos da Axencia EFE, un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. 

 “Unha imaxe vale máis que mil palabras e nesta exposición atopamos toda a historia de sacrificio, valentía e esperanza que acompañou a moitas familias galegas na busca de novas oportunidades”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora visitou a mostra acompañada de Beatriz Rodríguez Alfonso,  concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Voluntariado, Montes e auga; do coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero Quiroga; da coordinador adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano; e de Emiliano López, director da sucursal de ABANCA no Rosal. 

 A alcaldesa convida a toda a veciñanza a visitar esta mostra que estará aberta ao público ata o 16 de decembro e na que se pode ver unha colección de imaxes que traslada ao espectador a esa realidade histórica dende a ollada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.  

 Esta exposición forma parte do proxecto Corrente Cultural, unha iniciativa promovida dende Afundación, a Obra Social de ABANCA e ABANCA para crear un circuíto expositivo por diferentes puntos da xeografía galega en colaboración con concellos e entidades locais. Ademais, a mostra tamén se integra na campaña Cultura por alimentos, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos a través da que o público asistente poderá colaborar doando alimentos non perecedoiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario