6 de nov. de 2024

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia concede unha axuda de case 3 M€ a unha cooperativa para a construción de 60 vivendas protexidas no Porriño 

O proxecto de Residencial Aloques resultou beneficiario das axudas a promotores convocadas pola Xunta que ten un presuposto total de 11M€ para a construción de vivendas protexidas na parcela situada entre a Avenida de Galicia e a nova rúa Aloques


A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou a parcela na que a promotora cooperativa executará novas vivendas de protección autonómica  
Foto: X.G.

Infogauda / O Porriño

 A Xunta colabora con case 3M€ na construción de 60 vivendas de protección autonómica no concello do Porriño, a través da liña de axudas a promotores que puxo en marcha a Administración autonómica para construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible.  

 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse hoxe á parcela situada no encontro entre a Avenida de Galicia e a nova rúa Aloques, no núcleo urbano do Porriño, onde deu a coñecer un novo proxecto de vivenda protexida, neste caso da man de Residencial Aloques, cooperativa de vivenda.  

 Este proxecto ten un presuposto total de 11M€  para a construción destas 60 novas vivendas de protección autonómica. Coas 60 vivendas proxectadas téntase abranguer a maior diversidade posible de demanda, executándose 8 vivendas de 1 dormitorio; 25 de 2 e 27 de 3 dormitorios. A escavación está xa realizada e as obras deben desenvolverse nun prazo de 36 meses, prorrogables ata 38.  

 A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas remarcou o compromiso claro da Xunta coa vivenda, para o que “estamos a dar pasos firmes, tanto para incrementar a oferta de vivenda pública, como para facilitar solo onde desenvolver vivenda”. E tamén, engadiu, adoptando “as medidas legais que permitan axilizar os prazos para poñer vivenda no mercado, garantindo sempre a seguridade xurídica”.  

 María M. Allegue incidiu na vontade do departamento que dirixe de seguir construíndo máis vivendas públicas e poñer solo ao dispor de promotores e cooperativas, insistindo na importancia, como neste caso, da colaboración público-privada á hora de enfrontar este reto.  

 A conselleira fixo fincapé na continuidade no traballo da Xunta para reforzar a vivenda protexida en Galicia, no obxectivo de avanzar nos retos de lexislatura de duplicar as vivendas públicas ata as 8.000 e facilitar solo para a construción de 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas. A este respecto, lembrou que a Xunta leva xa preto de 1.600 vivendas de promoción pública en distintas fases de tramitación e execución.  

 María M. Allegue puxo en valor o orzamento histórico para 2025, no que a Xunta vai a destinar 240M€ ás políticas de vivenda e urbanismo, “para dar resposta á cidadanía neste dereito fundamental”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario