Nova xornada de folga por un convenio digno do sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra
A CIG convoca tamén unha protesta en Nigrán e unha manifestación en Vigo
Infogauda / Vigo
A CIG convoca este xoves 14 de novembro unha nova xornada de folga para todo o persoal afectado polo Convenio de Oficinas e Despachos de Pontevedra.
Este novo paro de 24 horas é unha resposta á negativa da patronal -a Confederación de Empresarios de Pontevedra- a convocar a mesa negociadora dun convenio que está paralizado dende o ano 2012, con salarios moi por baixo do salario mínimo interprofesional, e que está levando as persoas traballadoras a unha situación de precariedade económica insostíbel.
Durante a xornada levaranse a cabo varias mobilizacións. Na primeira delas o persoal trasladará as súas reivindicacións ao Pazo de Cea, en Nigrán, a partir das 9:00 horas, onde a CEP ten previsto desenvolver o III FORO EMPRESA SOSTENIBLE.
E a partir das 12:00 horas terá lugar unha manifestación que partirá do cruce de Vía Norte con Urzaiz e que rematará no Farol de Urzaiz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario