Pensionistas e xubiladas da CIG mobilízanse nas sete cidades galegas para exixir que a contía mínima das pensións sexa igual ao SMI
Afirman que é imposible vivir con dignidade e sen penurias con pensións como as galegas, as segundas máis baixas do Estado
Foto: CIG
Infogauda / Compostela
A pensión media galega é case 15 puntos menos que a contía estatal, chegando os 173 euros menos ao mes. Isto sitúa a Galiza de segunda, pola cola, coas pensións máis baixas de todo o Estado. Porén, na provincia de Ourense a pensión media si é a máis baixa.
Por iso o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá nas sete cidades galegas para demandar que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que “debería ser de 1.253€, que é o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea”. Mais tamén para que se revaloricen conforme o IPC acumulado a final de ano e que se recupere o poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do índice do IPC medio.
O colectivo advirte que a situación tampouco vai mellorar se non se derroga a perversa reforma das pensións, que ten como obxectivo non só dificultar, aínda máis, o acceso á pensión para moitos traballadores e traballadoras, senón tamén reducir as súas contías.
As segundas pensións máis baixas do Estado
Os datos que aportan as e os pensionistas son claros. A pensión mínima contributiva está, na actualidade, fixada en 825,20 euros ao mes. E o que é máis grave, a pensión mínima non contributiva é de 517,9 euros. Contías que, en ambos os casos consideran “claramente insuficientes para unha vida minimamente digna dada a constante escalada de prezos”.
Ademais as mulleres pensionistas galegas cobran de media 421,88 euros menos que os homes, situando a fenda de xénero das pensións no 33,6%. Isto é así porque aos 65 anos a fenda das cotizacións é de 11 anos, xa que “mentres os homes teñen de media cotizados 35,6 anos, as mulleres teñen 24 anos e medio”.
Xunto a isto o colectivo alerta de que actualmente, “ningún galego e ningunha galega cando chega aos 65 anos ten de media os 38 anos e medio que se requiren para se poder xubilar a esa idade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario