Sesión formativa sobre o alzhéimer
O luns 11 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O luns 11 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) vai impartir unha sesión formativa sobre Alzheimer e outras demencias.
A sesión vai dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.
O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.
As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións.
Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar. Por este motivo ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática.
FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras Demencias), co financiamento da Deputación de Pontevedra e en colaboración do Concello de A Guarda, impartirá esta sesión formativa gratuíta enmarcada no proxecto Alzhéimer de Preto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario