28 de nov. de 2024

A GUARDA

A GUARDA URXE Á XUNTA DE GALIZA A MELLORA  DO TRANSPORTE PÚBLICO NO BAIXO MIÑO  

Anxo Lois Baz (BNG): “O transporte público, que é esencial para a mobilidade das persoas, en vez de mellorar, perdeu capacidade para cubrir as necesidades básicas da cidadanía” 

 

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de A Guarda, na deficitaria parada dos autobuses de liña nesta localidade

Infogauda / A Guarda

O  pleno  do Concello de A Guarda acordou instar  á Xunta de Galiza  a revisar e mellorar de xeito inmediato o servizo de transporte público xestionado pola UTE LUGOVE na comarca do Baixo Miño. Entre outras demandas aprobadas polo pleno,  esíxese o cumprimento  estrito dos horarios establecidos así como o incremento das frecuencias nas horas clave, para evitar que as persoas queden na parada.  

 Tamén se demanda reducir os tempos de viaxe e facelos máis eficientes ademais  de implantar novas liñas e aumentar as frecuencias co Hospital Álvaro Cunqueiro e o CUVI, incluíndo liñas directas.  

 O portavoz dos nacionalistas, Anxo Lois Baz Vicente,  na defensa da  moción presentada polo BNG  argumentou que “nos últimos meses vense confirmando o incumprimento reiterado dos horarios oficiais por parte da empresa concesionaria, xerando graves molestias aos usuarios. A esta situación de incumprimento dos horarios súmase tamén a falta de prazas  nos autobuses. En numerosas ocasións os vehículos están totalmente cheos, o que obriga a moitos usuarios a quedar nas paradas sen poder acceder ao servizo”.  

 O nacionalista rematou concluíndo: “o transporte público, que é esencial para a mobilidade das persoas, en vez de mellorar, perdeu capacidade para cubrir as necesidades básicas da cidadanía. A Xunta de Galiza debe escoitar a demanda unánime da Guarda e do Baixo Miño  e tomar as medidas correspondentes para dotar a toda a comarca dun servizo público de transporte digno de tal nome”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario