Accións culturais e creativas promocionan a igualdade a través do programa Boas Vibes
• Obradoiros e música, danza, poesía, cómic, patinaxe,..., forman parte da programación prevista
Infogauda / Tui
Obradoiros e actividades de música, danza, poesía, cómic, patinaxe,..., serán protagonistas na segunda quincena deste mes de outubro e en novembro en Tui da man do programa Boas Vibes organizado pola concellería de Igualdade do Concello de Tui.
Estas accións culturais e creativas desenvolveranse cunha perspectiva de xénero co fin de promover a igualdade e sensibilizar contra as violencias machistas.
Artistas de recoñecido prestixio coma Yolanda Castaño, Wöyza, Yara e Kevin Juncal, Bomba Hache, Aarón Santos, e Coral Martínez realizarán os obradoiros e exhibicións dirixidas nalgúns casos ao público en xeral e noutros ao alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón.
As danzas urbanas tomarán o paseo da Corredoira o próximo sábado, 19 de outubro, dende ás 19 h da man de Boombox Dance Studio, dirixda polos irmáns Yara e Kevin Junca, presentará diferentes estilos hip hop, R&B, Hells, Basic,…
O domingo 20 a cita estará no Paseo Fluvial cun obradoiro de patinaxe con Vella Escola. Haberá dous grupos un de 16 a 17.30 h para mocidade de 12 a 18 anos, e outro de 17.30 a 19.00 h dirixido a mozos e mozas de 18 a 25 anos. Non é preciso experiencia nin material propio. Para participar hai que inscribirse en igualdade@tui.gal ou no formulario dispoñible en tui.gal. Amais o domingo 20 de 16 a 19 h haberá módulos e ramplas para empregar libremente no paseo fluvial.
O mesmo domingo, 20 de outubro, ás 19 h tamén no Paseo Fluvial haberá unha exhibición de rodiño con Bomba Hache e BMX Flatlandcon Aarón Santos. Bomba Hache – Sara Helena – é patinadora profesional e profesora de Rolling que realiza exhibicións e imparte clases por toda España. Aarón Santos foi o gañador do Marisquiño na categoría amateur en 2022 e 2023, e foi oitavo este ano na categoría Pro.
En caso de choiva todas estas actividades do sábado 19 e domingo 20 celebraranse no exterior do Mercado de san Antonio. O programa Boas Vibes continuará da man de Coral Martínez, licenciada en Belas Artes e docente especializada en cómic que ten traballado para DC Comis e Disney, cun obradoiro de debuxo manga/cómic. Será o sábado, 26 de outubro, de 10.30 a 13.30 h na Sala de Exposicións no edificio Francisco Sánchez. Esta actividade vai dirixida a mocidade de 12 a 18 anos que se deben inscribir previamente en igualdade@tui.gal ou no formulario habilitado na web municipal tui.gal.
Amais destas actividades dirixidas ao público en xeral Boas Vibes oferta tamén dous obradoiros para o alumnado de Secundaria. O venres, 25 de outubro. Wöyza, cantante, compositora, produtora, directora coral,..., e mentora no programa da Deputación “Descúbreas”, impartirá un obradoiro de “Rimas: batalla de equipos coas Gafas Moradas” para o alumnado de 3º da ESO no que comporán un tema musical reivindicativo para interpretar conxuntamente o 25 de novembro. Logo ofrecerá unha actuación para todo o alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón. Tamén o alumnado tudense de secundaria asistirá a un obradoiro de danzas urbanas con Yara Juncal, no que crearán unha coreografía grupal para bailar xunto a Yara Juncal na programación do 25 de novembro.
O programa Boas Vibes pecharase o luns, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, cunha acción poética de Yolanda Castaño, amais da coreografía e a o tema musical do alumnado xunto a Yara Juncal e Wöyza.
Boas Vibes está organizado pola concellería de Igualdade do Concello de Tui ao amparo do Plan Corresponsables xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e coa financiación do Ministerio de Igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario