Tomiño renova o seu selo como Cidade Amiga da Infancia
• Con esta distinción de Unicef, o Concello reafirma o seu compromiso e traballo a prol da infancia e da mocidade tomiñesa, implicándoa nas políticas e accións municipais
• Tomiño foi un dos primeiros concellos galegos en obter este selo
Infogauda / Tomiño
Tomiño continúa a ser un referente en políticas de infancia e mocidade tras renovar o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, unha distinción outorgada por Unicef que pon en valor o compromiso e esforzo do Concello en situar as necesidades e dereitos de cativada e rapazada no centro da xestión municipal. Tomiño foi un dos primeiros municipios galegos en obter esta distinción xa no ano 2017.
A presidenta do Comité Galicia de Unicef, María Montalvo, quixo entregar en persoa á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a renovación deste selo e visitaron algúns dos proxectos que se están a levar a cabo acompañadas do concelleiro de Mocidade, Agustín González; do concelleiro de Benestar Social, Rubén García; e de varios integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’.
“Para nós é un verdadeiro orgullo renovar este selo, que non só recoñece o traballo feito, senón que nos impulsa a seguir mellorando as condicións de vida da nosa infancia e mocidade. Queremos que Tomiño sexa un lugar onde os nenos e nenas teñan voz e participen activamente no seu presente, porque tamén son o futuro da nosa vila”, afirmou a rexedora.
O Selo Cidades Amigas da Infancia, que só posúen seis concellos en toda Galicia, pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque de dereitos de infancia, un modelo que implica a coordinación interna do goberno con outros actores locais, que promove e xera mecanismos reais de participación da infancia e da mocidade e que conta cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas súas políticas e accións.
O concelleiro de Mocidade, Agustín González, subliñou que para Tomiño “é unha alegría enorme ver como a nosa mocidade participa de maneira tan activa en cada paso que damos. Ser parte deste selecto grupo de municipios é un recoñecemento á nosa aposta por facer de Tomiño un lugar mellor, onde a voz dos máis novos e novas sexa escoitada e considerada en temas tan importantes como a mobilidade, os espazos públicos ou as actividades culturais”.
Dende o Concello quérese agradecer a grande implicación do Consello da Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, “xa que a participación incondicional dos seus rapaces e rapazas é un dos motivos que nos fai merecedores deste recoñecemento”, resaltou Sandra González. Dende a súa formación no ano 2018, máis de 40 mozos e mozas achegaron o seu gran de area en Voces Novas, a quen o Goberno municipal consulta de forma periódica sobre as intervencións que se planifican levar a cabo no municipio.
Da súa man naceron iniciativas como a decoración das medianeiras que afean a contorna, que comezou co pintado dun mural nun edificio na rúa República Arxentina para o que elixiron a temática e a artista, Lidia Cao. Tamén levan intervido en iniciativas relacionadas coa mobilidade, como a reforma integral do Campo da Feira, ou en propostas culturais, xa que demandaron contar en Tomiño cun ciclo de cine que este outono acaba de incorporarse como novidade na programación cultural e de lecer. “A súa pegada é palpable en moitas das accións que levamos a cabo de xeito transversal”, salientou a alcaldesa.
Para obter e revalidar este recoñecemento, o Concello leva anos traballando en proxectos que fomentan a calidade de vida e a participación activa da mocidade co obxectivo de que cada rapaz e rapaza poida desenvolver o seu potencial nunha contorna que os escoita e lles brinda oportunidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario