Seguridade viaria
Abel Losada pide prudencia nas estradas de toda a provincia ata que rematen os traballos de limpeza dos restos do temporal Kirk
A Xefatura de Tráfico contabilizou ata 68 incidentes perigosos nas estradas interurbanas durante as peores horas do paso da borrasca
Máis dunha ducia de coches colisionaron contra árbores, postes ou outros obstáculos caídos
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, fai unha chamada á prudencia nas estradas de toda a provincia de Pontevedra ata que rematen os traballos de limpeza e retirada de restos vexetais, tralo paso do temporal Kirk. Segundo a información dispoñible a normalidade aínda tardará varios días en chegar diante do extraordinario impacto da borrasca.
Losada fixo balance esta mañá, xunto coa Xefatura Provincial e o Subsector de Tráfico da Garda Civil e foi informado de que aínda quedan moitas ramas e restos de cortizas de árbores en toda a rede provincial estatal, autonómica e local, especialmente polos que transcorren por zonas forestais.
Segundo os datos da Garda Civil, entre as 22 horas do pasado martes, día 8 e as 15 horas do mércores, día 9, é dicir na franxa horaria de máis intensidade do temporal, producíronse un total de 68 incidencias nas vías interurbanas da provincia, das que un total de 28 traducíronse en danos persoais e materiais. Afortunadamente, subliña o subdelegado, e pese ao crítico da situación vivida tan só hai que contabilizar dúas persoas feridas . Losada destacou que trátase dun balance incompleto, porque a estes datos cómpre sumar as numerosas incidencias en vías urbanas, atendidas directamente polos concellos e das que non hai datos agrupados.
O subdelegado recalcou que tan só considerando os 28 accidentes con danos persoais ou materiais nas estradas interurbanas xa estariamos diante dunha incidencia 6 veces superior á dunha xornada normal.
O subdelegado felicitou expresamente á Garda Civil de Tráfico e a tódolos servizos de emerxencias, especialmente aos municipais, polo inxente traballo ao longo da noite, a madrugada e toda a mañá da xornada do temporal. A pesar de estar completamente desbordados, afirmou, contribuíron a solucionar os problemas. Tamén citou expresamente aos veciños e veciñas que, a título particular, botaron unha man na corta e retirada de restos vexetais colaborando coa Garda Civil e as policías locais.
A información oficial da Garda Civil dá conta de máis dunha ducia de colisións de vehículos contra árbores caídas. O municipio de Ponteareas, con 5 sinistros, foi o máis afectado, aínda que tamén se produciron colisións en Pontevedra, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Poio, A Estrada, A Lama e Silleda. Tamén houbo colisións contra postes caídos e un camión impactou contra o cableado dun tendido eléctrico. Varios camións e un autobús quedaron bloqueados en tramos de estradas anegados en Ponte Caldelas, Meis, Campañó e Crecente. Neste último caso tratábase dun vehículo cisterna que circulaba pola A-55 cargado de gasoil e gasolina. A Garda Civil tivo tamén que intervir na N-550 á altura de Ponte Sampaio ao atoparse placas do tellado de Pontesa na calzada. Ademais, foi preciso retirar a lona dun camión da calzada na ponte da AP-9 en Pontevedra.
Os anegamentos foron especialmente intensos na PO-11 en Pontevedra a primeira hora da mañá, coincidindo coa suba da marea, e obrigando a cortar a circulación.
Finalmente, o subdelegado foi informado que entre os numerosos vehículos danados por Kirk figuran un coche da propia Garda Civil de Tráfico e unha furgoneta de Conservación de Estradas aos que lle caeu enriba unha árbore cando atendían unha incidencia no Porriño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario