Emerxencias
Abel Losada celebra co alcalde de Crecente a declaración da zona afectada por emerxencia tralo incendio do pasado setembro
• O subdelegado visitou ás parroquias de Filgueira e Ameixeira, onde quedaron arrasadas unhas 300 hectáreas
• Lamenta que a Xunta de Galicia non declare a emerxencia por temporais como Kirk, dificultando así que os concellos poidan acceder ás axudas estatais
Infogauda / Crecente
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o Concello de Crecente e, acompañado polo alcalde, Julio César García Luengo, estivo na “zona cero” do incendio do pasado mes de setembro, que arrasou 300 hectáreas nas parroquias de Filgueira e A Ameixeira, parroquia á que pertence o lugar dos Reinaldos onde o lume obrigou ao desaloxo temporal de 20 veciños e veciñas.
Losada destacou que o Consello de Ministros aprobou recentemente a declaración de 176 territorios en toda España da práctica totalidade das comunidades autónomas como zonas gravemente afectadas por emerxencias de protección civil (coloquialmente “zonas catastróficas”). Na provincia de Pontevedra puidéronse beneficiar Crecente e Tomiño ao terse declarado previamente a emerxencia en Galicia por parte da Xunta, polo efecto do lume no caso do municipio da Paradanta e polo accidente nunha empresa no do Baixo Miño.
O subdelegado indicou que nos próximos meses o Ministerio de Política Territorial publicará a convocatoria pola que Crecente poderá presentar a documentación que acredite os prexuízos sufridos polo propio Concello e a veciñanza e acceder así aos fondos estatais, no marco das axudas previstas na Lei do Sistema Nacional de Protección Civil.
Kirk
Non obstante, o máximo representante da Administración do Estado na provincia tamén significou a súa estrañeza polo feito de que os concellos da provincia de Pontevedra, gravemente afectados a semana pasada polo paso do temporal Kirk, non poderán acceder a este tipo de axudas estatais toda vez que a Xunta aínda non declarou, nin ten anunciado, a emerxencia galega no marco do plan Inungal. “Vemos como o Consello de Ministros aproba habitualmente declaracións de zonas gravemente afectadas por emerxencias de protección civil en case tódalas comunidades autónomas agás en Galicia”. A este respecto, o subdelegado insiste en que se a Xunta non declara a emerxencia galega (nivel 2), tratando sempre os temporais, por intensos que sexan, como emerxencias de nivel local, o Goberno de España tampouco chega a intervir ou, eventualmente, a repartir axudas.
Losada subliña que a emerxencia en Galicia si se declara para incendios forestais ou verteduras químicas como foron os casos de Crecente e Tomiño, pero non cando falamos de temporais con fortes refachos de vento e choiva que causan numerosos danos, moitas veces superiores aos dos incendios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario