O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou na Guarda o equipo da nova película de Daniel Sánchez Arévalo, protagonizada por Javier Gutiérrez e María Vázquez
• López Campos asiste á rodaxe de ‘Rondallas’ na fase final da súa filmación na provincia de Pontevedra
• A Xunta subvenciona esta produción con 300.000 euros a través do seu fondo para a atracción de gravacións audiovisuais, dotado con 2M€ na convocatoria de 2024
Infogauda / A Guarda
Rondallas, a nova película do realizador Daniel Sánchez Arévalo, entra na fase final da filmación que se está a desenvolver desde finais de agosto en diferentes localizacións pontevedresas, coa vila de A Guarda como epicentro. Ata alí desprazouse hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen asistiu á gravación de varias das secuencias deste filme, subvencionado pola Xunta con 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes a Galicia.
O titular de Cultura do Goberno galego, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, saudou e felicitou persoalmente o director de Rondallas e o seu produtor, Ramón Campos, polo avance dos traballos de filmación e por se rodear dun equipo técnico e artístico maioritariamente galego, deixando así constancia da “gran capacidade e calidade da nosa industria audiovisual”.
Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas encabezan o reparto 100% galego da que é a sexta película de Sánchez Arévalo, quen asina tamén o guión. Nel figuran, así mesmo, outras coñecidas caras do cine e a televisión, como Carlos Blanco, Xosé A. Touriñan, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.
Comedia vitalista
Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, esta longametraxe supón o regreso ao cinema do realizador e escritor Daniel Sánchez Arévalo tras os éxitos dos seus filmes Azul oscuro casi negro, Primos e Diecisiete, entre outros. Faino cunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se une para recuperar a súa rondalla, tras dous anos de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo comezar a mirar de novo cara a adiante con ilusión.
Ademais da Guarda, os concellos de Baiona, Oia, Tui e Vigo acolleron outras das localizacións de Rondallas, que conta tamén coa participación do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Movistar Plus+, RTVE e TVG. O filme será distribuído en España por Beta Fiction Spain e as vendas internacionais correrán a cargo de Studiocanal.
Proxectar a imaxe de Galicia
A contribución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a esta filmación materialízase a través da liña de axudas para a atracción de rodaxes, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. Na súa convocatoria de 2024, este fondo dotouse con 2.000.000 euros para impulsar a proxección de Galicia como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa. Ao tempo, garántese un gasto mínimo no territorio galego por cada proxecto subvencionado, que se sitúa en 1.000.000 de euros no caso das produtoras galegas e en 1.500.000 euros no das foráneas.
Neste segundo semestre do ano, son xa seis as rodaxes que asume a industria audiovisual galega con financiamento da Xunta mediante diferentes convocatorias para o sector. Ademais de Rondallas, tamén Romería, a nova película da directora catalá Carla Simón, se filmou na provincia de Pontevedra con axuda deste fondo autonómico.
Os outros catro títulos, subvencionados nas convocatorias anuais para produción ou coprodución de proxectos audiovisuais, son a serie galego-portuguesa Lume e os filmes Antes de nós, de Zenit TV con Ángeles Huerta na dirección; Tralovento, de Eloy Domínguez Serén con Zeitun Films, e Onte a noite conquistei Tebas, debut de Gabriel Azorín na realización de longas, producido por Filmika Galaika.
Ningún comentario:
Publicar un comentario