A Xunta de Galicia mellora a accesibilidade do CEP Pedro Caselles Beltrán coa instalación dun ascensor
A obra contou cun orzamento de preto de 90.000 euros e supuxo unha mellora na independencia de varios alumnos con problemas de mobilidade
Infogauda / Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, no concello de Tomiño, onde a Xunta realizou unha obra de mellora da accesibilidade.
Trátase da instalación dun ascensor que permitirá a alumnos e docentes con problemas de mobilidade gozar dunha maior independencia. A obra, que contou cun investimento da Xunta de preto de 90.000 euros foi levada a cabo no pasado ano e, tal e como explicaron os responsables do centro, supuxo un antes e un despois na vida de varios alumnos e alumnas.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o “compromiso da Xunta coa accesibilidade e a inclusión de todas as persoas e, moi especialmente, dos nenos e nenas galegas”.
Cabe destacar que, dende o ano 2009, a Xunta investiu preto de 690.000 euros neste centro educativo, a maioría na obra levada a cabo no ano 2022 e que permitiu, entre outras actuacións, substituír as carpinterías de boa parte do edificio.
No concello de Tomiño, o investimento total durante este período supera os 1,7 millóns de euros, solo en centros educativos.
Reguera finalizou destacando a necesidade de “seguir investindo en mellorar o sistema educativo galego e as súas infraestruturas” e lembrou que a aposta por unha educación de calidade “é e seguirá a ser un dos obxectivos fundamentais deste goberno”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario