29 de maio de 2024

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O XII Premio Ramiro Carregal de Oncoloxía distingue a investigación en inmunoterapia contra o cancro  

O Dr. Ignacio Melero recolleu o galardón en recoñecemento ás súas traxectoria investigadora en inmunoterapia; o V Premio a Talentos Emerxentes foi para o Dr. Arkaitz Carracedo  

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu o acto xunto co empresario e mecenas Ramiro Carregal Rey, na capital galega   


Os galardoados,  Dr. Ignacio Melero e Dr. Arkaitz Carracedo, co mecenas do premio, Ramiro Carregal Rey; o co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín  

Rebeca Santomé Seijas / Santiago de Compostela 

 A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acolleu o acto de entrega dos XII Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica que este ano recoñece a traxectoria do Dr. Ignacio Melero co premio de Investigación Oncolóxica; e tamén ao Dr. Arkaitz Carracedo, como gañador do V Premio a Talentos Emerxentes. O evento contou coa presenza de diversas autoridades do ámbito sanitario e institucionais, entre as que se atopaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.  

 O galardoado co XII Premio Internacional, dotado con 30.000 euros, foi o Dr. Ignacio Melero, codirector do Servizo de Inmunoloxía e Inmunoterapia do Cima e da Clínica Universitaria de Navarra e catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Navarra. Logo de recoller o seu galardón acreditativo, o Dr. Melero fixo un breve repaso dos últimos avances centrados principalmente nas súas investigacións traslacionais en inmunoterapia do cancro. As súas achegas máis destacadas céntranse na transformación mediante inmunoterapias do tratamento do cancro de fígado (hepatocarcinoma), o uso de axentes agonistas activadores de células do sistema inmune e sobre estratexias inmunoterapia combinadas con efectos sinérxicos.  

 Pola súa banda, o Dr. Arkaitz Carracedo recolleu o V Premio a Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros. Xefe de grupo no centro de cancro CIBERONC, profesor de investigación Ikerbasque en CIC bioGUNE e profesor asociado da Universidade do País Vasco, é unha das figuras máis relevantes na investigación contra o cancro a nivel nacional e internacional. Durante o seu discurso, o Dr. Carracedo incidiu en “a modernización que experimentou nosa a visión do cancro, impulsada polos avances na tecnoloxía e a implementación da bioloxía computacional”, e ilustrou este concepto con algunhas das súas investigacións máis recentes.  

 Na súa intervención, o empresario arousán e mecenas do premio, don Ramiro Carregal Rey, quixo felicitar aos premiados e agradeceu, unha vez máis, “o traballo, esforzo e dedicación que desenvolve o persoal médico e investigador en favor de toda a sociedade, sinalou. Todas as persoas presentes puxeron de relevo, un ano máis, a necesidade de que toda a sociedade se implique na investigación como única forma de avanzar no coñecemento. Carregal destacou que a investigación é fundamental para seguir avanzando na medicina e mellorar a atención e calidade de vida dos doentes a través de novas terapias, melloras na diagnose ou nas cirurxías.  Se temos unha magnífica sanidade é grazas a uns magníficos profesionais, apuntou o empresario.   

  Ao acto de entrega asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rey; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal; o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio Villanueva; o director de Relacións Institucionais de HM Hospitais en Santiago, Rafael Silva; a directora científica do IDIS, María Luz Couce Pico; así como o presidente executivo do Xurado e xefe de Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López, entre outras personalidades.  

Inmunoterapia contra o cancro 

 Referente en inmunoterapia traslacional do cancro, o Dr. Ignacio Melero (Madrid, 1964) repasou durante a súa intervención os principais fitos obtidos na investigación de inmunoterapia nos últimos anos. “Ao longo dos anos refinamos estratexias de tratamento que levamos do laboratorio á clínica. Vivimos unha revolución dos tratamentos oncolóxicos con resultados de eficacia sen precedentes. Tentamos agora identificar mediante biomarcadores aos pacientes que se benefician dos tratamentos dispoñibles e investigar novas dianas terapéuticas e novas combinacións sinérxicas. As nosas investigacións sobre a activación do receptor CD137 (4-1BB) están a dar os seus froitos e temos varios axentes agonistas en ensaios clínicos fase-2”.  

 As contribucións máis sinaladas do galardoado céntranse nas estratexias de inmunoterapia baseadas no receptor 4-1BB (CD137) e nos seus traballos pioneiros sobre inmunoterapia para tratar o hepatocarcinoma que transformaron a práctica médica. “Nos próximos días imos publicar os resultados aos 5 anos que demostra respostas duradeiras en pacientes con carcinoma hepatocelular avanzado”, sinalou o Dr. Melero.  

 Desde o ámbito europeo considérase ao Dr. Melero como o máximo representante español en inmunoterapia do cancro. “As súas contribucións teñen gran relevancia e enorme mérito, debido a que se trata dun dos pioneiros dunha nova maneira de tratar o cancro; a aplicación clínica da inmunoterapia transformou e continúa transformando a práctica oncolóxica, sinalou o xurado. O galardoado é un "híbrido" médico-científico e desde 2022 é catedrático da Universidade de Oxford.     

Arkaitz Carracedo, V Premio a Talentos Emerxentes  

 O IV Premio a Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros, foi para Arkaitz Carracedo (Bilbao, 1979). O gañador do premio destinado a menores de 45 anos recolleu este recoñecemento grazas ás súas importantes contribucións á comprensión da bioloxía molecular do cancro. Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense, Arkaitz Carracedo é profesor asociado na Universidade do País Vasco e xefe de grupo no Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE). O director xeral do Centro destaca a súa brillante carreira, froito da súa creatividade e o seu dinámico modo de traballo e sinala como medida obxectiva da excelencia da súa investigación as súas publicacións nas cabeceiras de maior prestixio internacional.   

 Durante a cerimonia de entrega, os asistentes destacaron os seus estudos no campo do cancro, que demostrou tanto en a súa contribución en revisións científicas do máis alto nivel como na organización de congresos no campo do metabolismo do cancro que posicionaron estratexicamente ao seu grupo e ao CIC bioGUNE internacionalmente. Ademais, Carracedo encabezou iniciativas innovadoras de alta repercusión na investigación en cancro, como a súa colaboración co servizo de Uroloxía do Hospital de Basurto que deu lugar a un Laboratorio Mixto de investigación traslacional para cancro de próstata na interface da oncoloxía básica e clínica.  

 A súa traxectoria posicionouno xa como unha referencia en cancro a nivel nacional. É membro da Xunta Directiva da Asociación Española e Europea de Investigación en Cancro (ASEICA e EACR) e do CIBER de oncoloxía (CIBERonc). Por todo iso, considera o Xurado do Premio que é un magnífico exemplo de ese persoal investigador novo, pero enormemente preparado e implicado, que vai proporcionar grandes avances á medicina, á ciencia e á sociedade nun futuro non moi afastado”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario