15 de maio de 2024

ECONOMÍA

A CIG afirma que "o Estado español continúa incumprindo a Carta Social Europea no relativo á contía do SMI"

A central sindical baséase nos "datos publicados por Eurostat", que "evidencian que o salario mínimo segue estando por debaixo do 60% do salario medio" 


Imaxe dunha rfecente mobilización da CIG 
Foto: CIG

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A CIG vén de facer público que "o Estado español segue a incumprir co estabelecido na Carta Social Europea ao estabelecer unha contía para o Salario Mínimo Interprofesional inferior ao 60% do salario medio. O Real Decreto 145/2024 fixa para este ano un importe de 15.876€, mais segundo os datos publicados por Eurostat, o salario medio bruto anual no Estado español no ano 2023 foi de 30.237,38€. 

 Isto significa que o SMI aprobado para 2024 representa só o 52,50% do salario medio recollido por Eurostat, cando debera ascender, polo menos, a 18.142,42 euros ao ano e a 1.295,82 euros ao mes". 

 Os datos do organismo europeo confirman o que a CIG leva anos denunciando, especialmente desde que o Estado español se adheriu á última  versión revisada da Carta Social Europea: que a pesar da propaganda, o Goberno segue sen cumprir co artigo 4.1, motivo polo que a central nacionalista presentou unha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) que está pendente de resolución. 

 O secretario xeral, Paulo Carril, lembra que para este 2024 a CIG solicitou incrementar o SMI até os 1.253 euros mensuais, en 14 pagas, "mais desta proposta o Goberno español fixo caso omiso". Explica que para facer este cálculo, a CIG recorre sempre aos datos dos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria "porque permiten coñecer de forma máis fidedigna e obxectiva os ingresos reais das e dos traballadores".  

 Carril apunta que a contía reflectida por Eurostat difire minimamente da empregada pola CIG -43€ do importe resultante- e sitúa esta diferenza en que os datos facilitados pola Axencia Tributaria son os relativos aos territorios do réxime común, sen incluír as persoas que declaran ingresos en Nafarroa e Euskadi. Datos que Eurostat si manexa. 

 Engade que a CIG  leva tempo reclamando que para calcular o salario medio non se utilice a Enquisa anual de estrutura salarial do INE, senón que se siga o criterio do Comité Europeo de Dereitos Sociais. De feito, o CEDS  xa instou a España, en múltiples ocasións, a elevar o seu SMI como requisito necesario para cumprir a Carta Social e vén considerando que a situación actual non é conforme ao que se determina para garantir un nivel de vida digna. 

 Por todo isto, a  CIG lamenta que o Goberno español, co aval de UGT e CCOO, siga sen cumprir coa CSE, reclama que se aprobe un incremento do SMI que o sitúe realmente no 60% do salario medio e que se empregue o método de cálculo do CEDS,  que obtén os datos do Eurostat. Porque, conclúe Carril, "a Carta Social Europa non chega con asinala, tamén hai que cumprila".

Ningún comentario:

Publicar un comentario