28 de maio de 2024

ECONOMÍA

Folga en Abanca o 31 de maio pola falta de avances na negociación das melloras salariais e laborais  

CIG e ASCA convocan tamén unha manifestación na Coruña, ás 11:30h, dende o Obelisco


Mobilización das traballadoras e traballadores de Abanca
Foto: CIG
  

Infogauda / Galiza 

 Os sindicatos CIG e ASCA teñen convocada folga en Abanca para o próximo venres, 31 de maio, ante a falta de avances na negociación dun acordo para mellorar as condicións laborais e salariais do persoal. Coincidindo coa xornada de paro na entidade, tamén está previsto realizar unha manifestación polas rúas da Coruña, que sairá ás 11:30 horas do Obelisco.  

 A decisión de ir á folga, acordada nas asembleas de traballadoras e traballadoras, adóptase pola falta de negociación por parte de Abanca, que despois da exitosa folga do 11 de xaneiro, "non puxo enriba da mesa ningunha proposta en materia económica, rexeitou as propostas presentadas en materia de horario e non aceptou nin unha soa das medidas propostas en materia de clima laboral".  

 No relativo ás retribucións, critican que a empresa "segue sen facer ningún tipo de proposta"; en canto ao horario, Abanca tampouco quere aplicar o estabelecido no convenio, senón un sucedáneo "recortado" e por enriba pretende que máis do 50% do persoal teña horario flexíbel, ampliándoo ademais a novas figuras e sen limitación do número de persoas. Sobre a presión comercial, advirten que se incrementou dende o mes dende  xaneiro e "a empresa non quere aceptar ningunha das medidas concretas que lle propuxemos".  

 CIG e ASCA chaman a todas as traballadoras e traballadores de Abanca a sumarse á folga e acudir á manifestación da Coruña porque "despois de catro meses sen avances na negociación, non cabe outra".

Ningún comentario:

Publicar un comentario