4 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal afonda na modernización do seu mercado cunha sesión formativa para praceiros e praceiras  

 O Concello segue a dar pasos para respostar aos retos de innovación da praza de abastos e obter o selo de Mercado Excelente 

  

Os praceiros e praceiras rosaleiras asistiron a unha sesión de tutoría 
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal está comprometido coa modernización da praza de abastos, incorporando actuacións de innovación e de dinamización da actividade comercial co obxectivo de obter o selo de Mercado Excelente da Xunta de Galicia. Neste camiño, os praceiros e praceiras rosaleiras asistiron a pasada semana a unha sesión de tutoría coa que impulsar esa modernización e mellorar a imaxe da actividade comercial no mercado municipal. 

 Durante a sesión, todas e todos os participantes puideron compartir as súas ideas e recibir asesoramento da man de persoal profesional. “Cremos que intervencións como esta son moi necesarias para complementar a formación dos nosos praceiros e praceiras, así como para escoitar as súas achegas, as necesidades que teñan detectadas e as inquedanzas que poidan ter”, explica o concelleiro de Comercio, Alejandro González Martínez.  

 O edil recalcou que “ter un equipo de profesionais apoiando estes encontros sempre dá un valor engadido a este tipo de reunións, favorecendo a comunicación entre todos e todas e achegando coñecemento ás persoas que asisten”. 

 O Concello do Rosal busca así dar resposta aos retos de modernización e innovación aos que se enfrontan as prazas de abastos sen perder a súa autenticidade e tradición, mantendo a súa proximidade e o trato personalizado que os caracteriza.  

 Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia deste proxecto para a economía local e a promoción dos produtos de proximidade. “Queremos que o noso mercado sexa exemplo de dinamismo social, que nos permita activar e reforzar a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e dos produtores e produtoras locais. Seguimos así a liña dos Mercados de Excelencia e creamos espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras”, asegurou. 

 O Concello levou a cabo este mentoring comercial financiado ao abeiro da subvención para o impulso da rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario