30 de xan. de 2023

O ROSAL

O Rosal prepara o seu calendario anual máis participativo  

 O Concello abre o prazo para participar na creación do almanaque de 2024 coas mellores imaxes enviadas pola veciñanza  

 A temática serán os ‘Camiños do Rosal’  


Pontella (As Eiras), O Rosal
Foto: Santiago Baz Lomba

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal xa está comezando a preparar o calendario para o 2024, un almanaque que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “vimos editando dende hai xa tres anos e repartindo de xeito gratuíto entre a veciñanza, unha oportunidade para dar difusión á identidade do noso municipio dende diferentes puntos de vista como o patrimonio, a natureza, os colectivos...”

 Para elaborar o calendario do ano 2024 o Concello abriu un proceso participativo co obxectivo de dar a quen o desexe a oportunidade de colaborar achegando as súas fotos, que terán como temática común os ‘Camiños do Rosal’ e a través do que se amosarán corredoiras, pistas, sendas, estradas... do concello rosaleiro. 

 A participación está aberta ao público xeral, que poderá presentar ata un máximo de 10 fotografías en cor, formato horizontal e cunha calidade orientativa de 300pp acompañadas dunha ficha na que se indique o nome do autor ou autora, un enderezo electrónico e teléfono de contacto, o nome e localización do camiño o máis precisa posible e a data na que foi tomada a imaxe. As fotografías deberán ser enviadas en formato dixital a calendario2024@orosal.gal como máximo ata o 31 de outubro de 2023 ás 23.59 horas. 

 Entre todas as fotografías presentadas farase unha selección de 13 imaxes que formarán parte do calendario editado polo Concello para o vindeiro ano. O xurado, formado por persoal municipal e fotógrafos do concello, terá en conta para a selección a calidade técnica e artística e que as imaxes recollidas representen a meirande variedade posible de camiños en canto a localizacións.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario