29 de nov. de 2022

SALCEDA DE CASELAS

Esta mañá no concello de Salceda  

Maica Larriba informa que as infraccións por cada 1.000 habitantes en Salceda son case un 50% menores que a media provincial  

• “A vista dos datos estamos ante unha localidade moi tranquila e segura”, indicou a subdelegada do Goberno


A subdelegada do  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto a alcaldesa accidental de Salceda de Caselas, Loli Catiñeiras, a Xunta Local de Seguridade desta localidade

Foto: S. de G.

 Infogauda / Salceda de Caselas 

 A subdelegada do  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto a alcaldesa accidental de Salceda de Caselas, Loli Catiñeiras, a Xunta Local de Seguridade desta localidade. Na reunión tamén estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e o xefe da Policía Local, entre outros mandos. 

 Os responsables policiais analizaron os diferentes datos de criminalidade da localidade relativos ao que vai de ano. A subdelegada do Goberno destacou que mentres na provincia a media é de 29 infraccións por cada 1.000 habitantes, neste municipio a cifra redúcese a 15, é dicir, case un 50% menos. “Salceda é, polo tanto e á vista dos datos, unha localidade moi tranquila e segura, que rexistra unha baixa incidencia de criminalidade”, subliñou Maica Larriba.  

 Non obstante, a subdelegada indicou que “a pesar desta media xeral, tan positiva, o número de ciberdelitos séguese mantendo nas cifras do pasado ano cando con anterioridade a 2021 tiñan unha presenza practicamente testemuñal na estatística”. Doutra banda, ao longo deste ano incrementáronse lixeiramente, como en toda a provincia, os delitos leves de lesións e pequenos furtos, que son froito da recuperación da actividade social normal tras a pandemia. Pola contra, as denuncias por estafas sufriron un descenso con respecto ao mesmo período do ano pasado.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario