10 de mar. de 2022

A GUARDA

BAIXO O GOBERNO DE ANTONIO LOMBA: 1.000 DÍAS DO ALCALDE IMPOSTO POR ANXO LOIS E O SEU BNG”, AFIRMA ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO, LÍDER DOS POPULARES DE A GUARDA 

O 11 de marzo, o goberno de Antonio Lomba, Montserrat Magallanes e os seus concelleiros cumpriu mil días desde a última toma de posesión. 


Roberto  José Álvarez Carrero, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda 

 O portavoz dos populares na localidade, Roberto  José Álvarez Carrero, asegura que “A Guarda empeorou  ostensiblemente nestes últimos 1.000 días de goberno capitaneado por Antonio Lomba e secundado por Anxo Lois e o seu BNG”.

 En palabras de Álvarez Carrero: “A incapacidade de Antonio Lomba e do PSOE guardés para gobernar era coñecida por todos. En 15 anos que leva gobernando o grupo de Antonio Lomba, Montserrat Magallanes e os seus socios, A Guarda perdeu poboación, traballo, alegría e oportunidades. Todos os seus proxectos e obras foron lamentables: parches,  remendos, obras sen sentido, abandono total de parroquias, etc. Este desgoberno situounos no vagón de cola da nosa comarca. A Guarda tiña máis vida hai 15 anos que actualmente porque os seus gobernantes foron nefastos. Seguimos ofrecendo o mesmo que nos anos 80 e 90 cando a sociedade e as súas demandas cambiaron”.  

 Os populares da Guarda fan “responsables desta situación calamitosa da vila ao BNG de  Anxo Lois e o seu sectarismo”. “O famoso proxecto  do BNG para A Guarda foi investir alcalde a Antonio Lomba, repartirse poltronas, fixarse salarios desorbitados, marchar co rabo entre as pernas ao primeiro contratempo e mentir descaradamente aos votantes dicindo que eles eran o cambio. Aínda encima, e non contentos con toda a situación que learon, seguen criticando o goberno de Antonio Lomba cando eles son os únicos responsables de que Antonio Lomba siga administrando a vida dos guardeses ao negarse pactar connosco un goberno de cambio baseado en proxectos”, asevera Roberto José Álvarez Carrero. 

 Asemade, os populares da Guarda afirman que  “neste tramo final de lexislatura municipal os habitantes da Guarda van asistir atónitos a unha estratexia electoral conxunta por parte de Antonio Lomba, Anxo Lois e Montserrat Magallanes debido a que o PSOE da Guarda e o BNG da Guarda son un e, como expresou o alcalde en entrevistas: “as relacións do PSOE guardés co BNG da Guarda son cordiais”; ou noutras palabras: votar na Guarda ao BNG é votar ao PSOE, sen obviar que os propios nacionalistas en múltiples ocasións constitúense en “garante” do grupo de goberno socialista”.

 A Guarda necesita un cambio cun goberno serio que escoite as demandas dos guardeses e os seus problemas e con capacidade para solucionalos, conclúe Roberto José Álvarez Carrero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario