10 de mar. de 2022

A GUARDA

Concello e asociacións coordinan na Guarda, a axuda a refuxiados  

Seguindo o concello os criterios que marca a FEGAMP 


Un momento da reunión que mantiveron na mañá de hoxe o alcalde, membros do equipo de goberno e persoal municipal, con representantes de varias asociacións de A Guarda

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Traballadoras municipais e membros do equipo de goberno encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, reuníronse na mañá deste xoves 10 de marzo con representantes das asociacións da localidade: Cruz Vermella, San Vicente de Paul, Conrazones, Avelaíña e San Xerome. 

 O obxecto da reunión era o de poñer en común o labor de coordinar a axuda aos refuxiados da guerra en Ucraína. Neste sentido o alcalde informou que os criterios que está seguindo o concello son os que marca a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que traballa en coordinación co Goberno de España e coas ONGs que están sobre o terreo. Todos os presentes estiveron de acordo nas pautas que se veñen mantendo: 

A prioridade máxima é coñecer e trasladar os recursos habitacionais para acollida de persoas refuxiadas que cheguen ao concello. 

Tamén se están rexistrando outros recursos como tradutores, voluntariado, legalización de mascotas, etc. 

Non se fará recollida de alimentos e material humanitario dende o concello e as asociacións, debido a imposibilidade de asegurar o traslado e distribución deste material. 

A forma de axuda máis eficiente é a axuda económica a través das ONGs que estean dando apoio sobre o terreo á poboación ucraína afectada para que merquen o que realmente precisen. 

 As asociacións puxeron os recursos dos que dispoñen a disposición, para coordinarse co concello e cubrir as necesidades que aparezan no momento en que cheguen refuxiados a nosa localidade. “Somos conscientes de que a crise humanitaria pode alongarse no tempo e que temos que estar preparados para cando se necesite a axuda”, declararon ao remate da reunión. 

 Dende Servizos Sociais do Concello de A Guarda estase a levar o rexistro dos recursos que institucións, asociacións e particulares están proporcionando, para poder activalos no momento que se necesiten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario