A Guarda promove visitas guiadas para a Ponte da Constitución
· Exposicións na Casa dos Alonso, visitas guiadas no Monte Santa Trega, percorrido polas prazas urbanas da vila, visitas á Fortaleza de Santa Cruz, ..., son, entre outras, as propostas culturais e de lecer para esas datas festivas
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda e o Padroado Municipal do Monte Santa Trega ofrecen visitas guiadas durante a Ponte da Constitución ampliando a oferta de QUE FACER na nosa vila.
Os visitantes e turistas que escollen A Guarda, percorren o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, gozan da natureza no Esteiro do río Miño, visitan o Monte Santa Trega, descobren a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar, e degustan a nosa gastronomía e produtos locais.
Para completar estes recursos e para que os visitantes e veciños coñezan con máis detalle o noso patrimonio e historia ofreceranse visitas guiadas gratuítas coincidindo coa Ponte da Constitución:
Castro do Monte Santa Trega
Visita guiada de 60 minutos á zona escavada comezando polo Barrio Mergelina (escavación realizada en 2018) e rematando nas vivendas reconstruídas. Permitirá coñecer en detalle a Cultura Castrexa e como vivían estes castrexos no Trega xa hai máis de 2.100 anos.
Haberá unha visita ás 12:00 horas, os días: sábado 4, domingo 5, martes 7 e mércores 8, co punto de encontro na Casa Forestal.
O aforo é limitado e precisan inscrición previa no MASAT (Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega) no teléfono 690 017 038 ou en masat@aguarda.es.
O prezo por acceso ao monte en vehículo non está incluído nesta actividade.
Percorrido histórico polas prazas urbanas
Co encanto da noitiña visitaranse as principais prazas e rúas urbanas amosando a súa historia, detallando os diferentes usos e nomes empregados no pasado e destacando os monumentos máis importantes destes espazos urbanos.
Neste caso as visitas comezarán ás 18:30h na Praza do Reló, xunto a Oficina Municipal de Turismo, e serán os días: sábado 4, domingo 5, luns 6 e martes 7 de decembro.
Tamén terán unha duración aproximada de 60 minutos e precisan inscrición previa na Oficina de Turismo (teléfono 986 61 45 46 ou en aguarda.oficina.turismo@gmail.com / turismo@aguarda.es
Ademais con motivo da Ponte da Constitución a Rede de Museos da Guarda conta cunha apertura especial:
• MASAT (Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega). Amplía o seu horario dende o venres 3/12 ao mércores 8/12: De 10:00 a 19:00 horas. O luns mantense pechado.
• MUSEO DO MAR. Aberto de sábado 4/12 ao mércores 8/12 (excepto martes 7/12): Horarios: De 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
• FORTALEZA DE SANTA CRUZ: Espazo público aberto todos os días: De 10:00 a 18:00 horas.
Estas datas da Ponte da Constitución tamén serán unha oportunidade para coñecer a figura de Eliseo Alonso Rodríguez, recentemente recoñecido como Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda, visitando as dúas exposicións que na súa honra, están patentes na Casa dos Alonso (Praza do Reló):
• Exposición biobibliográfica titulada “Eliseo Alonso. Camiñando cara ao mar da Guarda”, na que os visitantes descubrirán a proxección literaria e xornalística do polígrafo miñoto.
• Mostra filatélica coas coleccións de varios expositores. Tamén está a disposición dos visitantes un selo personalizado, reproducindo unha gamela á vela de A Guarda; un enteiro postal ilustrado cunha fotografía de Eliseo Alonso, e franqueado con un selo personalizado - reproducindo unha vista do porto e o barrio de pescadores -; e un sobre ilustrado co cuño postal conmemorativo.
Horario ata o 9 de decembro: De luns a venres: 11:00 a 13:00h. Fins de semana e festivos (luns 6/12 e mércores 8/12): 11:00 a 13:30/16:00 a 19:00h.
Por último, desde o Concello de A Guarda lembran que a Oficina Municipal de Turismo abre de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 horas, ata o 17 decembro. As persoas interesadas tamén poden facer súas consultas por correo electrónico: turismo@aguarda.es ou no teléfono 986 61 45 46 (operativo o domingo 5 de decembro).
Ningún comentario:
Publicar un comentario