29 de nov. de 2021

DEPORTES

Ponteareas acollerá un novo curso de adestrador de fútbol UEFA B  

· Concello e a Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol colaboran nunha nova edición desta acción formativa 


Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes, con Fernando Iglesias, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol; Iván Cancela, director da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol; e José Luis Mosquera, delegado  da Federación, no Baixo Miño, na presentación do Curso de Adestrador de Fútbol UEFA B

Foto: C.P.


Infogauda / Ponteareas

 O Concello de Ponteareas e a Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol colaboran para poñer en marcha unha nova edición do Curso de Adestrador de Fútbol UEFA B, que se desenvolverá entre os meses de decembro e xuño. “Queremos fomentar que a veciñanza ponteareá teña opcións de formación deportiva sen saír da nosa vila, unha aprendizaxe determinante tamén á hora de darlle pulo á inserción laboral e ao emprego no eido deportivo, no que cada vez se precisa máis formación”, destacou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que tamén salientou a importancia de “dar continuidade á formación impartida en Ponteareas nos últimos anos aos monitores de fútbol base”. 

 O acto de presentación contou coa participación de Fernando Iglesias, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, que quixo agradecer ao Concello a predisposición a colaborar para celebrar este curso na vila e animar a todos os clubs a participar. “Dende a Federación apostamos cada vez máis pola formación e eles deben facelo tamén. As e os adestradores deben estar preparados, xa non chega só con ter experiencia, porque os propios rapaces e rapazas demandan que cada vez esteamos máis preparados”, recalcou. 

 Pola súa banda, Iván Cancela, director da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol, salientou que “a evolución no deporte debe ir parella á formación, polo que nos alegra poder traer este curso a Ponteareas e animamos a apuntarse e a seguir aprendendo a todo o alumnado que realizou o curso de UEFA C”. Na presentación tamén participou o delegado do Baixo Miño da Federación, José Luis Mosquera.  

 O curso comezará o vindeiro 20 de decembro de forma semipresencial e, a partir de marzo, de forma presencial no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea. As clases rematarán o 30 de xuño de 2022.  

 As persoas interesadas en participar poderán ver toda a información sobre o curso de Adestrador UEFA B e inscribirse a través da páxina web da Federación Galega de Fútbol. A data límite de inscrición será o vindeiro 8 de decembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario