28 de out. de 2021

PATRIMONIO

Os traballos da Xunta de Galicia no xacemento romano de Río Caldo sacan á luz novas estancias e numerosos restos de cerámica  

O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá as escavacións arqueolóxicas 

A actuación promovida polo Goberno galego evidencia que o espazo vencellado á ‘Via Nova’ estivo ocupado entre os séculos II e IV o despois de Cristo

A campaña rematará mañá cunha visita guiada ás 17,00 horas na que se divulgarán os resultados da intervención 

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén achegouse esta mañá ao xacemento romano de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios

Fotos: X.G.

Infogauda / Ourense

 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén achegouse esta mañá á Baixa Limia para supervisar os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento romano de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, onde veñen de sacar á luz novas estancias e numerosos restos de cerámica común romana, así como elementos de vidro e cravos de ferro. Trátase do resultado duns traballos que se iniciaron hai preto de tres meses neste espazo vencellado á Vía Nova e que permitiron continuar afondando no coñecemento das estruturas e características deste xacemento.


A actuación desta campaña completarase con traballos de mantemento no hipocaustum

 Así, os arqueólogos implicados nesta intervención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade localizaron dúas novas estancias nun espazo adxacente á área de cociña da mansio nas que se recolleu unha gran cantidade de cerámica, así como outros elementos. Ademais, no espazo exterior do edificio principal tamén se documentou unha nova construción destinada a cociña con lareira e dous niveis de ocupación.

 Entre os elementos atopados destacan unhas moedas romanas que permiten evidenciar que o xacemento de Río Caldo estivo ocupado desde o século II despois de Cristo ata ben avanzado o século IV. Así mesmo, no proceso dos traballos tamén se constatou que existen no espazo dúas fases de ocupación ao detectar estruturas máis antigas cortadas por novos muros.

 A actuación desta campaña completarase con traballos de mantemento no hipocaustum xa localizado nos anos 90 do século XX, fotogrametría aérea e coa instalación dun sistema de protección. Os traballos rematarán o vindeiro venres día 29, ás 17,00 horas, cunha visita guiada na que participará o arqueólogo responsable da escavación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario