24 de xuño de 2021

VIGO

CIG-Saúde da comarca de Vigo esixe a reversión da cociña do Hospital Álvaro  Cunqueiro e do seu persoal ao ámbito público


• O feito de que a empresa propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro sexa incapaz de  cumprir os compromisos adquiridos demostra o risco que supón deixar en mans  privadas aspectos substanciais da asistencia sanitaria. 

• O feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de 6 anos da súa  construción demostra que se primaron os intereses económicos da empresa  concesionaria no canto da calidade da construción. 

• O feito de que se teña que recorrer á cociña dun hospital público, con persoal público,  para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial, non fai mais  que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento  como na provisión de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria. 

 CIG-Saúde da comarca de Vigo reclama, e continuará reclamando, a reversión total da  concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro para recuperar a xestión pública do hospital e dos  aspectos incluídos no perímetro desa concesión. 

 Pero neste momento consideramos que os feitos son de tal gravidade que nos obrigan a esixir ao presidente da Xunta a reversión das instalacións da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro e  do seu persoal e a recuperar a xestión pública, tal e como se facía no antigo Hospital Xeral, para  garantir unha prestación esencial para a asistencia sanitaria da cidadanía da nosa Área sanitaria. 

 CIG-Saúde da comarca de Vigo remitirá hoxe un escrito dirixido ao presidente da Xunta e ao  conselleiro de Sanidade con estas reclamacións e solicitándolles unha actuación inmediata. 

Vigo, 24 de xuño de 2021

(R.) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario