28 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra inagura mañá a súa nova sección permanente sobre a guerra e o exilio cun concerto de Samuel Diz 

Aproveitando a proximidade do aniversario do Estatuto do 36 a institución quere poñer en valor os fondos –algúns nunca expostos ao público- de Camilo Díaz, Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto   


Samuel Diz
Foto: Xosé Durán

Infogauda / Pontevedra  

 Aproveitando o aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía da Galiza en 1936, do que hoxe se cumpren 85 anos, o Museo de Pontevedra vai inaugurar mañá oficialmente a súa nova sección sobre a Guerra Civil e o exilio. Búscase poñer en valor pezas de autores como Camilo Díaz, Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto que, dende perspectivas vitais e ideolóxicas similares, que nalgúns casos nunca foran expostas ao público e veñen completar a obra de Castelao na exposición permanente.  

 O acto –que se celebrará mañá martes 29 por estar pechado hoxe o Museo como todos os luns- comezará ás 19 horas cunha visita institucional á nova sección por parte do vicepresidente César Mosquera e a deputada de Memoria Histórica María Ortega, xunto co director do Museo Xosé Manuel Rey e a responsable de Coleccións do Museo Ángeles Tilve. As 19.30 terá lugar, ademais, o concerto do intérprete e investigador da música na Xeración do 27 e do exilio republicano español, Samuel Diz.  

 Baixo o título ‘Álbums de guerra: músicas para unha exposición', Diz interpretará un programa cargado de novidades, coa primeira interpretación en tempos modernos das pezas ‘Noite de estrelas', melodía galega –arranxo número 18- do verán de 1937; Preludio –Minueto (Outono 1938); e Andante –Minueto (Primavera 1939) do guitarrista e compositor Xosé Chas García.  

 Tamén interpretará, en estrea absoluta, a suite para guitarra de Isidro Maieztegui; xunto a outras pezas de Xesús Bal y Gay, Rosita García Ascot, Simón Tapia Colman ou unha escolma de cancións populares de Federico García Lorca que tiveron especial protagonismo na contenda. Diz fará soar estas pezas, pertencentes a ‘Memoria de la melancolía´ (Poliédrica 2020), o primeiro traballo discográfico realizado coa guitarra orixinal de Federico García Lorca, grazas a unha copia facsímil do instrumento.  

 Hai que lembrar que Diz xa participara antes en concertos no Museo de Pontevedra, en 2011 no recital ‘Á luz dos candelabros', que lle valeu o Premio Ruíz Morales-Dandres Segovia de Música en Compostela. Xa en 2019, na conmemoración dos 80 anos do exilio republicano español, Diz xa ofrecera tamén unha xira de concertos e conferencias en España e México vencelladas coa memoria e o exilio.  

 Para asistir ao concerto é preciso inscribirse en reservas.museo@depo.es, sendo o aforo limitado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario