24 de xuño de 2021

ECONOMÍA


 Os datos desagregados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondentes ao primeiro trimestre deste ano, pero que veñen de ser publicados polo Instituto Galego de Estatística nos últimos días, son unha perfecta radiografía da situación de emerxencia laboral e produtiva que atravesa a cidade de Vigo, e por extensión o conxunto da nosa comarca. 

 En primeiro lugar temos que alertar de que estes datos non son un reflexo real da situación, na medida en que non computan a millares de traballadoras e traballadores que están en ERTE.  

 No caso da cidade de Vigo, vemos como a poboación ocupada rexistra a destrución de 1800 empregos no último trimestre. Na actualidade en Vigo hai 12.100 empregos menos que a finais do ano 2009. 

 Por sectores, é moi preocupante a evolución no sector industria, no que no último trimestre despareceron 600 empregos. É especialmente grave a mala evolución en termos interanuais, con 5.700 empregos menos que o ano pasado e con 7 mil postos de traballo menos dos existentes en 2009. 

 Na construción prodúcese un acusado descenso da ocupación (-1000 empregos) nos últimos tres meses, e continúa significativamente por debaixo do nivel de emprego do ano 2020 (-e con 3 mil ocupados e ocupadas menos que en 2009. 

 Na agricultura e pesca mantense o mesmo nivel de ocupación que no trimestre anterior, despois de que se producise un descenso do 52%. 

 Estes datos demostran o descomunal impacto que xa está a ter a crise do coronavirus sobre a base produtiva da cidade e do conxunto da comarca de Vigo.

 Por iso desde a CIG esiximos que tanto Xunta de Galiza como o Goberno español despreguen con determinación políticas de apoio ao tecido produtivo e que amplien a cobertura social.  

 As consecuencias desta crise non podemos volver pagalas as clases traballadoras e populares. Cómpre unha reacción enérxica desde o público para garantir o emprego e os salarios.  

 E nese sentido, consideramos inaprazábel a posta en marcha dun Plan de Reindustrialización da nosa comarca que evite a desertización da nosa base produtiva e a destrución de emprego.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario