5 de maio de 2021

PONTEVEDRA

Os sete cachorros rescatados polo CAAN nun monte de Valga atopan novo fogar en so tres días 

Foran encontrados en situación crítica, con apenas un día de vida, e despois do seu restablecemento viaxaron aos seus novos fogares en Pontevedra, Redondela, Meaño, Ponteareas e Oroso (A Coruña)


As catro cadelas, "Flor", "Florina", "Florita", "Floriña" e os cans "Flo", "Florito" e  "Florín", foran encontrados abandonados no monte nunha situación crítica
Foto: D.PO.



Infogauda / Pontevedra

 A súa ten sido unha adopción en tempo récord. O luns 26 de abril os seus nomes entraban na web do CAAN na lista cans e cadelas listos para ser adoptados e o mércores 28 os sete preciosos cachorros que o persoal do centro rescatara en febreiro con tan só un día de vida nun monte en Valga xa tiñan atopado un novo fogar.  

 As catro cadelas, "Flor", "Florina", "Florita", "Floriña" e os cans "Flo", "Florito" e  "Florín", foran encontrados abandonados no monte nunha situación crítica, pero nestes dous meses e medio recuperáronse perfectamente e despois da súa vacinación, xa estaban listos para saír das instalacións. O mesmo luns, día en que os seus nomes se colgaron na web, dous deles, "Florín" e "Flo" xa viaxaron coas súas novas familias a Meaño e Pontevedra respectivamente. Un día despois, o fixeron catro dos seus irmás e irmáns: "Florita e "Florina" saíron do CAAN cara a Pontevedra, mentres que "Florito" e "Flor" foron trasladados a seus novos fogares en Ponteareas e o concello coruñés de Oroso respectivamente. Xa o mércores 28 abandonou o centro a última da camada,"Floriña", que xa vive no seu novo fogar en Redondela. Coas súas adopcións, xa son máis de 250 as acadadas no que vai de ano polo CAAN da Deputación.  

 O final feliz da historia destes cachorros de Valga ten o seu contrapunto no rescate doutras dúas camadas de 7 e 6 cachorros en Silleda e Salvaterra. No primeiro caso, foron rescatados coa súa nai, que recolleu o testemuño do nome de "Flor", e son tres femias, "Florita", "Florilla" e "Florina", e catro machos, "To", "Ton", "Toni" e "Tonin", que evolucionan favorablemente nas instalacións da Armenteira. En Salvaterra o persoal do CAAN recolleu seis cachorros, que neste caso estaban sen a súa nai. Trátase de catro femias, "Pati", "Pepa", "Púa" e "Puri", e dous machos, "Lubi" e "Lubo", que teñen mes e medio e tamén se recuperan de xeito favorable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario