A maioría da Corporación Municipal de Tomiño acordou rexeitar o proxecto eólico da Serra da Groba
A proposta contou cos votos a favor de BNG e PSOE, que denuncian a opacidade da adxudicación do parque, esixindo a súa paralización
Infogauda / Tomiño
A corporación municipal do Concello de Tomiño aprobou no pleno ordinario celebrado o martes día 12 deste mes de xaneiro de 2021, unha moción de rexeitamento do proxecto de parque eólico promovido pola Xunta de Galicia na Serra da Groba. A aprobación da devandita moción contou co voto a favor dos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE, e a abstención do PP.
Desde o equipo de goberno municipal do Concello de Tomiño indican que "o proxecto supón a construción dun total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, coa súa correspondente infraestrutura asociada (vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe, gabias do cableado, subestación transformadora, edificio de control e unha torre meteorolóxica)".
Máis de 60 colectivos sociais, veciñais e ambientais en contra do proxecto
A proposta denuncia diante da Xunta de Galicia o modelo opaco seguido na adxudicación e tramitación dos parques eólicos que afectan ao espazo natural, esixindo á Consellería de Industria a paralización dos proxectos en marcha e a modificación da normativa que os regula. Reivindica tamén a necesidade de que no proceso se teñan en conta tamén as decisións tomadas polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común afectadas.
Máis de 60 colectivos sociais, veciñais e ambientais mostraron xa a súa oposición a este proxecto. Os asinantes recalcan que apostan polo uso de enerías limpas e renovables como a eólica, pero que a súa ubicación e construción debe ser compatible tanto co entorno como co uso multifuncional do monte, a fin de procurar o menor impacto medioambiental posible. Denuncian que o proceso de tramitación dos proxectos prioriza os intereses das empresas adxudicatarias por enriba dos valores medioambientais e dos dereitos e intereses dos propietarios afectados, sinalando ademais da inexistencia dun proceso de concorrencia competitiva na adxudicación dos mesmos.
Tamén destacan que a lei deixa aos propietarios dos terreos nunha situación de indefensión, empurrándoos a aceptar a proposta económica da empresa adxudicataria se non queren enfrontarse a un expediente de expropiación, ao que se suma o feito de que dependen tamén desta empresa a realización dos estudos de impacto ambiental, con total ausencia de contrapartidas sociais que mitiguen o impacto xerado polos parques.
Ningún comentario:
Publicar un comentario