O ROSAL ATÓPASE EN ZONA DE ESPECIAL VIXILANCIA POR RISCO EN RELACIÓN Á GRIPE AVIARIA EN AVES
As persoas titulares de currais familiares de autoconsumo deben inscribirse nun rexistro administrativo a disposición da Consellería do Medio Rural
Infogauda / O Rosal
No día de hoxe, venres 20 de novembro de 2020, o Concello do Rosal fixo público o seguinte comunicado:
Desde finais do mes de xullo detectouse en varios países do leste de Europa a circulación de virus da influenza aviar de alta patoxenicidade do serotipo H5N8 que afecta tanto en aves domésticas coma silvestres e que non se transmite ás persoas.
Tras a aparición de novos focos desta enfermidade en Países Baixos, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca e Bélxica produciuse un cambio na valoración do risco de aparición desta enfermidade en España, de xeito que na actualidade considérase que existe un risco alto de detección deste virus nas zonas previamente determinadas como zonas de especial risco (ZER), e de risco moderado nas zonas determinadas como zonas de especial vixilancia (ZEV), onde se atopa incluído O Rosal, entre outros.
Isto obriga ás persoas titulares de currais familiares de autoconsumo no Rosal a inscribir o seu curral nun rexistro administrativo a disposición da Consellería do Medio Rural e creado coa única finalidade de ter constancia da existencia do curral, por se fora necesario nunha situación de emerxencia sanitaria nas aves.
Este rexistro pode realizarse por diversas vías:
· Na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), cubrindo o formulario MR 501A – Inscrición no rexistro de explotacións avícolas non comerciais. Xúntase modelo para o seu coñecemento e uso se o consideran.
(https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR501A&ano=2015&numpub=1&lang=gl)
· Nas Oficinas Agrarias Comarcais (Estensión Agraria) no Rosal.
· Por calquera dos sistemas habilitados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Como medida tamén estará prohibida a presenza de aves de curral en centros de concentración de animais (feiras, mercados gandeiros e similares) e calquera sospeita de influencia aviaria nas aves da explotación deberá ser comunicada aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería de Medio Rural.
Ademais, as autoridades sanitarias recomendan:
· Evitar criar parrulos, gansos ou ocas xunto con outras especies de aves de curral.
· Evitar que as aves domésticas entren en contacto directo con aves silvestres, especialmente con aves acuáticas.
· Protexer os comedeiros e bebedoiros evitando que accedan a eles as aves silvestres.
· Evitar darlle de beber ás aves de curral augas ás que puideran ter accedido aves silvestres.
· Protexer os depósitos de auga, impedindo que poidan acceder a elas aves silvestres.
· Non soltar ás aves de curral nos terreos máis próximos á beira das charcas, encoros ou pequenos humedais onde haxa presencia de aves silvestres migratorias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario