O Equipo de Goberno Municipal cualifica de “éxito rotundo do concerto de Sés no Rosal”
Xa leva máis de 4.200 visualizacións na canle de Youtube da cantareira
A cantareira Sés nun momento do seu concerto no Auditorio Municipal do Rosal
Infogauda / O Rosal
Grande acollida do concerto da artista Sés o pasado venres no Rosal. A situación epidemiolóxica obrigou ao Concello a reinventar esta cita coa cantareira coruñesa, que finalmente se celebrou en vivo no Auditorio Municipal para un aforo reducido de persoas e retransmisión en directo para o resto do público a través das redes sociais municipais e da canle de Youtube da cantante. Unha fórmula que acadou moito éxito: máis de 4.300 persoas xa visualizaron o concerto, que tivo momentos nos que contou con ata 360 espectadores conectados á vez.
Máis de dúas horas de concerto nas que Sés presentou dun xeito único ‘Liberar as arterias’, o sétimo traballo discográfico da coruñesa, un disco que segue a evolucionar o seu particular son e que presenta unha escolma de doce cancións con letra e música compostas pola propia artista.
Con alternativas como esta o Concello do Rosal quere “seguir apostando pola cultura, por unha cultura aberta pero tamén segura, porque no momento no que estamos a saúde de todos e todas é o primeiro”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario