22 de nov. de 2020

GALICIA

A Xunta proclama o seu non á violencia de xénero na andaina ‘Camiño ao respecto’ celebrada hoxe en Santiago de Compostela  

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda e outros membros do Goberno galego e das institucións percorreron hoxe parte do Camiño en Santiago de Compostela en apoio ás vítimas da violencia

 

    Foto: X.G.

Deuse lectura no Monte do Gozo a unha declaración institucional na que a Xunta defendeu que non se pode retroceder nin un paso na defensa das mulleres  

O Goberno galego reforzou este ano a atención ás mulleres afectadas por situacións de violencia de xénero por mor da covid-19  

A Xunta convidou á cidadanía a apoiar este ano a andaina xeito virtual compartindo os percorridos nos seus concellos nas redes co hashtag #camiñoaorespecto

Infogauda / Santiago de Compostela

  A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o vicepresidente primeiro e conselleiro primeiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña e de Medio Rural, José González; xunto co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e outras autoridades galegas; participaron hoxe na andaina Camiño ao respecto na que percorreron o traxecto que vai do Monte do Gozo á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela en sinal de rexeitamento á violencia de xénero e en apoio ás súas vítimas.

 A iniciativa, enmarcada nos actos convocados pola Xunta na semana do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, serviu para remarcar que a erradicación desta lacra é unha prioridade do Goberno galego na que non se pode retroceder “nin un paso”.

 A convocatoria deste ano celebrouse conforme as medidas sanitarias e sen participación popular. A Xunta convidou a cidadanía a sumarse a este apoio con andainas nos seus concellos, comarcas e parroquias e compartir estes materiais ata o próximo 30 de novembro por medio das redes sociais co hashtag #camiñoaorespecto.

 A andaina comezou no Monte do Gozo en Santiago de Compostela onde a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, deu lectura á declaración institucional da Xunta cunha lembranza ás mulleres asasinadas pola violencia de xénero -no que vai de ano foron dúas na Comunidade- que son “punta do gran iceberg que supón a violencia machista, unha violencia que sofren milleiros de mulleres, de nenos e nenas, e que supón un gravísimo atentado contra os seus dereitos máis elementais”.

 Na declaración a Xunta tivo un recordo a todas as mulleres asasinadas en España e “aos nenos e nenas vítimas mortais e todos os orfos e orfas vítimas da violencia machista”. “Erradicar a violencia de xénero é unha tarefa na que non podemos permitirnos retroceder nin un paso, e para o Goberno galego é unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e as súas familias seguir traballando nese camiño”, recolle o documento.

 Segundo a Xunta, parte do traballo debe focalizarse sobre os maltratadores para que sobre eles “caia todo o peso da lei, da xustiza e do rexeitamento social”. “Todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e, calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa”, leu Lorenzana.

 Neste ano 2020 a Xunta de Galicia reforzou a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero, pois ante situacións de emerxencia coma a pandemia da covid-19, os poderes públicos “estiveron á altura das circunstancias”, especificou a conselleira, que incidiu na súa lectura en que estes apoios se centraron sobre todo nas persoas máis vulnerables. “Traballamos desde o minuto un na posta en marcha dun Plan de reforzo na atención ás vítimas da violencia machista que garantise a súa seguridade, tratando de que as medidas habilitadas mitigasen a situación de illamento e que as mulleres se sentisen acompañadas e protexidas”, recalcou.

 Previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres é un obxectivo prioritario e irrenunciable do Goberno galego. “A igualdade é un valor de Estado, a violencia de xénero un asunto de Estado e a erradicación desta violencia un deber de Estado, xa que a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de Igualdade da nosa sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, como son a liberdade, a Igualdade e a vida”, engadiu a declaración que concluíu un ano máis cun “non á violencia” dos participantes.

Andaina virtual

 Ante o contexto sanitario, a Xunta convidou á cidadanía a sumarse de xeito virtual a esta andaina, que cada ano reúne a centos de persoas en Santiago de Compostela. O Goberno autonómico lles anima realizar o Camiño ao respecto nos seus municipios, atendendo as restricións que lles poidan afectar e, despois, achegar fotografías ou vídeos do seu camiño, realizado entre hoxe e o 30 de novembro, ás redes sociais co hashtag #camiñoaorespecto ou envialas ao whatsapp do número 669 962 249. Trátase de sumar apoios e fomentar a participación activa das persoas no rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e sensibilizar, a maiores, sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario