A praia das Eiras contará con socorrista dende esta mesma fin de semana
· Estará vixiada de martes a venres de 15:30 a 20:15 h e sábados e domingos de 12:00 a 20:00 horas
Infogauda / O Rosal
O Equipo de Goberno Municipal que preside a alcaldesa Ánxela Fernández vén de comunicar que a praia das Eiras contará dende esta mesma fin de semana cun socorrista encargado das tarefas de vixilancia, prevención e salvamento das persoas que acudan durante a tempada fluvial a esta praia e á súa contorna, así como do control das medidas de seguridade derivadas da nova normalidade consecuencia do COVID-19.
A persoa encargada destes labores prestará servizos os meses de xullo e agosto. Os horarios nos que a praia contará con socorrista serán:
- De martes a venres de 15:30 a 20:15 horas.
- Sábados e domingos, de 12:00 a 20:00 horas.
Os luns a praia permanecerá sen vixilancia.
O Concello apela á responsabilidade persoal da veciñanza e dos posibles visitantes para facer uso da praia este verán, sobre todo de cara a cumprir as medidas de prevención de contaxios de coronavirus, respectando as disposicións de seguridade, o distanciamento social e as actitudes recomendadas polas autoridades sanitarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario