O CONCELLO PARTICIPOU NA REUNIÓN DO PLAN REVITALIZA NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera - no centro da imaxe -, coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, os concelleiros Germán Fernández e Sara Vicente, e o mestre composteiro
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, os concelleiros Germán Fernández e Sara Vicente e o mestre composteiro estiveron na Deputación de Pontevedra, nunha reunión do plan Revitaliza para falar dos retos aos que se enfrontan os concellos no eido da xestión de lixo. O Plan Revitaliza, do cal o Concello do Rosal forma parte, é un proxecto pioneiro a nivel mundial. Tanto é así que está servindo de exemplo incluso a nivel internacional.
A pesar de que a materia orgánica é a fracción maioritaria no lixo domiciliario (superando o 50% en peso dos residuos xerados), tradicionalmente foi ignorada a súa importancia de cara a cumprir os obxectivos de reciclaxe fixados pola Unión Europea. Neste punto preciso concéntrase o plan Revitaliza ao sinalar que a compostaxe, como método de tratamento da materia orgánica, é a única opción posible de reciclaxe dos restos orgánicos.
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís relembrou que “o Concello do Rosal cede de xeito continuado composteiros individuais (contando con mais de 400 repartidos polo termo municipal) e conta cun centro de compostaxe comunitaria. Cabe lembrar que a xestión tradicional da fracción orgánica consiste en xuntala nun contedor verde de resto con outros residuos non reciclables que imposibilitan o seu tratamento, transportala ata a planta de SOGAMA (a case 200 km do Rosal) e alí incinerala e desbotala ao vertedoiro.
Este despropósito ambiental e enerxético é o responsable principal de que a porcentaxe de reciclaxe no Concello non supere o 18%. Tendo en conta que o obxectivo fixado pola Unión Europea para o ano 2020 é de acadar o 50% de reciclaxe, é evidente que debemos dar un paso adiante na procura de alternativas, e consideramos que a compostaxe terá un papel destacado neste eido.
Este é un reto tanto do Concello coma da sociedade, no que toda a veciñanza debe ser partícipe xa que a súa colaboración é esencial para acadar as metas fixadas pola Unión Europea”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario