25 de out. de 2019

TUI

ÚLTIMA PARADA DO PROXECTO ‘MÚSICA E VIÑO NO TEU CAMIÑO’ 

CO CONCERTO DE BEST BOY

O grupo tocará en directo este domingo 27 na Praza de San Fernando de Tui, onde se poderá desfrutar tamén dos viños de Quinta de Couselo, Terras Gauda, Vimbio e Altos de Torona  

O evento comezará ás 18:00 horas coa apertura da venda de viños

A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, e alcaldesa do Concello de Tomiño, co seu homólogo do Concello de Tui, no acto de prsentación da última xornada do proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’


Infogauda / Tui

 Última parada do proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’. O grupo Best Boy porá a música á terceira e última sesión do proxecto este domingo 27 de outubro na Praza de San Fernando, nun evento no que o blue grass, o funk, o pop, o jazz ou o rock sureño da banda tudense porá á banda sonora a unha tarde de viños coas adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona. O evento comezará ás 18:00 horas coa apertura dos postos de venda de viño con D.O. Rías Baixas, no que todas as persoas asistentes poderán degustar unha copa de viño ou mercar unha botella a prezos populares.  

 Música e Viño no teu Camiño é unha actividade impulsada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural beneficiaria do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo era crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que, tras o seu paso por Redondela e A Guarda, rematará este domingo na cidade tudense.   

 Foron tres xornadas de concertos musicais ao aire libre e totalmente gratuítos que funcionaron como eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas das devanditas adegas.

 A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario