24 de set. de 2019

TOMIÑO

O Concello de Tomiño elaborará o seu Plan de Mobilidade Sustentable coa colaboración da veciñanza 

A cidadanía pode achegar as súas opinións a través dunha enquisa online ou participando nos obradoiros que se celebrarán o vindeiro xoves 3 de outubro no salón de plenos do Concello e no Centro Goianés  

Vista aérea do termo municipal de Tomiño
Foto: C.T.

 Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño segue a dar pasos cara adiante para implantar formas de desprazamento máis sustentables e que garantan a calidade de vida da cidadanía. E quere facelo escoitando as ideas, opinións e suxestión da propia veciñanza. Por este motivo e dentro da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, vén de poñer en marcha dúas accións para recoller información sobre os hábitos de mobilidade dos seus veciños e veciñas: unha enquisa online e varios obradoiros participativos. O obxectivo é “adaptar a estrutura urbana do municipio ás necesidades da veciñanza, tanto daquelas persoas que se moven a pé como daquelas que empregan outros medios de transporte nos seus desprazamentos”, salienta Uxío Benítez, concelleiro de Planificación Estratéxica e Acción Urbana.  

Participación veciñal 

 Para analizar os hábitos de mobilidade da cidadanía e recibir as súas propostas e demandas, o concello puxo en marcha unha enquisa online a través da que todas as persoas que viven ou traballan en Tomiño poden explicar o tipo de desprazamentos que fan, o tipo de transporte que empregan ou mesmo a frecuencia. A idea é que, ata o 2 de outubro, a veciñanza poida deixar reflexadas tamén as súas suxestións e que estas sirvan para trazar a folla de ruta deste plan de mobilidade urbana, un plan que mellore a conexión non soamente entre as distintas parroquias tomiñesas, senón tamén cos concellos da contorna. Aquelas persoas que o desexen tamén poden deixar as súas suxestións enviando un correo electrónico a tomino@plandemobilidade.com.  

 Por outra banda, o vindeiro 3 de outubro o salón de plenos do Concello e o Centro Goianés acollerán unha serie de obradoiros participativos de libre acceso e abertos a toda a veciñanza e ao tecido asociativo no que todas as persoas participantes poderán dar a coñecer as súas opinións, inquedanzas, queixas… con respecto “á mobilidade dentro do concello tomiñés, dende a seguridade viaria ou o aparcamento ata as sendas peonís e ciclistas, a conxestión viaria e o transporte público, entre outras cuestións”.  

 Estes talleres celebraranse pola mañá (12:00 h) no salón de plenos de Tomiño e xa pola tarde no Centro Goianés (17:30 h) e de novo no salón de plenos da casa consistorial (20:00 h). Durante esta xornada o equipo redactor do plan tamén dará a coñecer os primeiros resultados recollidos a través das enquisas presenciais, online e do traballo de campo.  

Plan de Mobilidade  

 Con este Plan de Mobilidade Urbana Sustentable promoverase a recuperación de espazos públicos para as persoas, seguindo a liña xa iniciada polo Goberno local de Tomiño e que busca crear proximidade e “xerar un espazo público vivo, fomentar o atractivo do transporte sustentable como a bicicleta, evitar infraestruturas que obriguen a o uso dos vehículos privados ou adoptar espazos e velocidades que permitan a convivencia de todos os medios de transporte”.  

 Este proxecto está financiado ao 75% pola Deputación de Pontevedra a través das axudas para impulsar a planificación estratéxica da mobilidade urbana fomentando sistemas sustentables que dean resposta as novas realidades sociais e territoriais e facilitando o acceso da cidadanía a bens, servizos e equipamentos aos que teñen dereito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario