Illas Atlánticas participará nun proxecto de caracterización de lixo mariño con drons nas costas europeas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta a necesidade de unir sinerxías a todos os niveis sociais para evitar que nun futuro próximo pesquemos máis plásticos que peixes
Recorda que xa en 2018 se puxo en marcha o proxecto Rede, que caracterizou residuos mariños da contorna das catro illas do Parque Nacional a partir de máis de 2.000 elementos
Ángeles Vázquez Mejuto - na imaxe, 2ª pola esq. - participou esta mañá na xornada de presentación da campaña EUBeachCleanUp, promovida pola Unión Europea
Foto: X. G.
Infogauda / Vigo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, salientou esta mañá que o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia foi seleccionado como un dos escenarios nos que se levará a cabo o proxecto europeo LitterDrone, unha iniciativa de referencia en materia de lixo mariño e contaminación, no que se empregarán vehículos aéreos non tripulados equipados con cámaras de alta resolución (drons).
Ángeles Vázquez participou esta mañá na xornada de presentación da campaña EUBeachCleanUp, promovida pola Unión Europea, para fomentar a protección dos mares, océanos e costas a través innovación, voluntariado, concienciación e divulgación, entre as que se recolle esta iniciativa. Destacou que Litter Drone permitirá detectar con maior facilidade os puntos de acumulación de lixo na costa e a composición da mesma, o que facilita o deseño de actuacións de prevención e mitigación máis precisas e eficientes.
Recordou que desde o Parque Nacional xa se está a actuar neste sentido e, o pasado ano, impulsouse o proxecto da Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que recollía un amplo programa de actividades encamiñadas a paliar este problema nas illas de Sálvora, Cíes, Cortegada e Ons para sensibilizar sobre a problemática dos plásticos e tamén levar a cabo pequenas accións para eliminar o lixo mariño no entorno do parque nacional.
Esta iniciativa implicou a realización dun estudo previo que permitiu analizar e caracterizar os residuos mariños da contorna das Illas de Cortegada, Cíes, Sálvora e Ons a partir dos máis de 2.000 elementos clasificados como lixo nesta zona.
Explicou que unha das grandes ameazas dos mares son os plásticos, polo que é necesario unir e coordinar sinerxías a todos os niveis da sociedade para sensibilizar á poboación sobre o problema dos plásticos, xa que non é unha cuestión menor; pois -se non mudamos os nosos hábitos- nun futuro moi próximo haberá máis plástico que peixes no mar.
O Goberno galego consciente desta situación puxo o seu gran de area para frear o impacto deste material, afirmou a conselleira, quen engadiu que a Lei de residuos de Galicia prohibirá a venda de vaixela dun só uso na Comunidade galega, agás que estea composta dun 50% de material biodegradable.
Por último, salientou que seguindo a liña do referente á redución dos plásticos, a Xunta de Galicia marcouse como meta reducir o consumo de bolsas de plástico lixeiro non biodegradable no horizonte 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario