24 de set. de 2019

A GUARDA

A GUARDA CONMEMOROU Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA  

A climatoloxía da xornada contribuiu á afluenza de centos de romeus en Santa Trega 

Un dos intres da solemne procesión de Santa Trega
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
 
 Nunha xornada propia de outono que oficialmente comezou ás 09:50 horas, no equinocio de outono, con algo de vento sul e boa temperatura, e sen presenza de choiva, a pesares das prediccións coñecidas desde ás vésperas; foi en síntese, a nivel climatolóxico, o que se viviu neste 23 de setembro, día grande no municipio de A Guarda no que se celebrou a festividade de Santa Trega, no Monte ao que dá nome a protomártir de Iconio. Ata alí acudiron centos aos romeus de todo o Baixo Miño e tamén do Alto Minho, e mesmo peregrinos que están facendo o Camiño Portugués pola Costa; que asistiron as distintas eucaristías que tiveron lugar durante a mañá. Sobre todo á misa solemne das 11:00 horas, cooficiada polos sacerdotes Jesús García Villadóniga, párroco de Santa María da Asunción de A Guarda e Avelino Baquero Alonso, párroco - desde o día 13 de outubro de 2018 - de San Lourenzo de Salcidos, e o diácono permanente José María Fernández Carrera.
 

Moitas persoas seguiron á misa solemne desde o exterior da ermida de Santa Trega

 A misa solemne asistiron diversas representacións, como o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, así como varios membros da Corporación Municipal guardesa; a patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla; unha compoñente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos; o comandante do posto da Garda Civil de A Guarda; membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Puieiro, entre outras.  

 Nesta ocasión a ofrenda oficial á Santa Trega foi efectuada polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, quen dixo o seguinte:

 "Queridos devotos e devotas de Santa Trega:

 Un ano máis chegamos ao 23 se setembro, unha data marcada en vermello no noso calendario por ser o día da nosa Patrona, Santa Trega, virxe e protomartir da cristiandade. 

 Un ano máis as sete parroquias que forman parte da Irmandade do Clamor: Camposancos, Salcidos, Eiras, San Miguel e San Xoán de Tabagón, O Rosal e A Guarda, estamos de celebración, para honrar e depositar as nosas peticións e esperanzas, no favor da nosa Santa. 

 Quixera ter unha lembranza para os devotos de Santa Trega da Póvoa de Varzim que neste día, como teñen feito nos últimos tempos e igual que sucedeu durante moitos anos, nun pasado máis lonxano, tiñan previsto acompañarnos. Estaba planeado que asistira a esta celebración unha representación formada pola tripulación do volanteiro "Fé em Deus". Por mor do mal tempo non puideron facer a singladura ata o noso porto, pero temos o seu compromiso de que volverán a tentalo o vindeiro ano. Esperemos, para entón, contar coas tripulacións do volanteiro portugués e do noso "Piueiro", que pronto empezará a surcar os mares. 

 Neste monte sacro, atalaia singular da xeografía peninsular, paraíso da paisaxe e da natureza, símbolo de Galicia, gardián da fusión entre o pai Miño e o gran Atlántico, onde a mirada se perde no horizonte. Quixeron os nosos devanceiros honrar e venerar a Santa Trega, dándolle o seu nome e converténdollo nun lugar de culto para fieis e devotos que cada 23 de setembro fan del un facho de fervor relixioso. 

 Hoxe é un día de facer ofrendas, cumprir promesas e pedir favores. Entre as ofrendas, ademais da nosa ledicia, traémoslle a Santa Trega froitos da terra e do mar e tamén produtos elaborados polas mans e o saber de quen ten vontade e habilidade. 

 Entre as promesas a cumprir están aquelas que íntimamente fixo cada quen nos momentos de dúbida ou tribulación ou para agradecer peticións concedidas. Entre os favores pedidos seguro que hai unha innumerable cantidade e variedade de solicitudes que resultarían inabarcables a menos que, como neste caso, estean dirixidos a unha Santa ou ao mesmo Deus a través da súa intercesión. 

 Podemos, se vos parece ben, facer entre todos unha petición colectiva: pedir prosperidade para a nosa comarca; paz duradeira entre os pobos; traballo para poder vivir dignamente; acerto aos nosos gobernantes; e respecto, comprensión e amor polos nosos semellantes. Pedir en definitiva un mundo un pouco mellor para todos e poñer o noso gran de area en construílo, renegando do egoísmo e da soberbia. 

 Pero hoxe tamén é un día de gozar das paisaxes, dos paseos, da charla, dos amigos e da familia, de comer e cantar. Un día de romaría para gozar do noso Monte. Para manter viva unha tradición que forma parte da herdanza dos nosos devanceiros, que moitos de nós levamos moi dentro e que queremos trasladar aos nosos fillos. Que este día, coa mediación de Santa Trega, sexa un día de ledicia, de paz e felicidade. 

 Que así sexa".  

 Coa ermida ateigada de fieis, e aínda no exterior, trancorreu a solemne eucaristía, o termo da cal saiu a procesión, coa participación de autoridades, devotos de Santa Trega e compoñentes do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, que dirixidos polo profesor Eduardo Rodríguez Sobrino, interpretaron a Marcha Solemne do Antergo Reino de Galicia.

Como en edicións precedentes, varias mulleres devotas de Santa Trega portaron á imaxe da mártir na procesión


 O remate desa ceremonia, unha vez devolta a imaxe de Santa Trega o seu sitial na súa ermida, os fieis bicaron as reliquias que se gardan neste santuario: un fragmento de óso dun dos brazos de Santa Trega, e un fragmento do Lignum Crucis (madeiro no que foi crucificado Cristo).   

 Algúns devotos pasaron estampas e panos polo manto de Santa Trega, ou o bicaron. Deixaron as súas esmolas, e grande cantidade de exvotos de cera con formas de brazos, pernas, cabezas, corazóns, peitos ou torsos, aos pés da protomártir reclamando ou agradecendo a curación ás súas doenzas, á que se ten como avogada das doenzas da cabeza e do corazón.

Vista parcial do público que asistiu á poxa dos froitos


 Asemade, como ven sendo tradición, diante do púlpito ao aire libre, tivo lugar a poxa dos froitos ofrecidos a Santa Trega: allos, cebolas, patacas, mariscos, mel, lambetadas, sobremesas, peixe de couro, e outras dádivas que poxáronse diante dunha multitude de persoas.    

 Tamén foi sorteada a tradicional Regueifa de Santa Trega. O número agraciado no sorteo foi o 4.052, cuxo boleto foi vendido na cima do Monte. Polo de agora non apareceu á persoa posuidora da rifa premiada.

 Logo viría o xantar ao aire libre, onde cada quen quixo situarse - respectando os lugares do xacemento arqueolóxico sinalizados previamente pola Policía Local -, escollendo os lugares acostumados en anos precedentes. 

 A animación da xornada puxérona varias persoas que tocaron instrumentos tradicionais, como gaitas, cunchas, tamboril,..., dándolle o toque festivo como ben o merecía a efeméride.    

 E antes de irse cada un para seu fogar, ainda houbo quen fixo unha parada no Montiño (Parque do Cancelón,) para á merenda-cea e marcarse uns pasos de baile, que a ninguén lle fan dano e axuda a manterse en forma.

Publicada: Ás 23:59 h., do 23.09.2019
Actualizada: Ás 17:00 h., do 24.09.2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario