CORES TOURÍS COMPROBA O REMATE DOS TRABALLOS DE EXECUCIÓN DA NOVA GLORIETA DE GUILLAREI EN TUI
· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra recordou que esta obra contou cun orzamento de case 316.400 euros por parte da Consellería de Infraestruturas que deste xeito mellorou a seguridade viaria nun tramo da PO-404 con pouca visibilidade
José Manuel Cores Tourís - 4º pola der. -estivo acompañado do alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra, José Luis Díez, así como do deputado Moisés Rodríguez e do portavoz do PP na localidade, José Ángel Fernández
Foto: X. G.
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a nova glorieta de Guillarei no concello de Tui, executada pola Consellería de Infraestruturas para dar solución a un tramo con pouca visibilidade da PO-404.
Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra, José Luis Díez, así como do deputado Moisés Rodríguez e do portavoz do PP na localidade, José Ángel Fernández.
A obra, situada no punto quilométrico 1+900 e rematada recentemente, contou cun orzamento de case 316.400 euros, e supuxo a construción dunha rotonda nunha zona moi demandada polos veciños, xa que se trata dun punto perigoso que necesitaba unha solución de mellora da seguridade viaria, ao ser, ademais, acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei. A área de actuación contou cunha intersección en T co vial de acceso á Edar, sen carrís de espera nin de incorporación, nun tramo con escasa visibilidade. “Deste xeito, evitamos agora xiros á esquerda e reordenamos o tráfico, mellorando así a seguridade viaria”, explicou o delegado territorial.
A glorieta conta cun diámetro exterior de 32 metros, unha coroa central de 12, permite a continuidade dos itinerarios peonís o que mellora o acceso de peóns e ciclistas, cun ancho de dous metros e medios, pavimentación con capa de rodaxe, adoquinado e formigón no illote interior da glorieta, ampliación da platafomra da estrada, iluminación, sinalización, balizamento e defensas.
Os viais de acceso teñen un ancho mínimo de 4 metros, dando continuidade aos que xa existían antes, e as beiravías pasan a ter un metro de ancho. A glorieta adaptou a súa rasante á calzada existente e en planta situouse de tal xeito que non afectou a muros nin a peches de fincas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario