26 de feb. de 2019

A GUARDA

 PATRIMONIO

«Galaicos, un pobo entre dous mundos»  

· A Casa dos Alonso acollerá o xoves día 28 de febreiro, ás 20:00 horas, á presentación do libro


Infogauda / A Guarda

 O xoves día 28 de febreiro ás 20:00 horas a Casa dos Alonso acolle a presentación do libro «Galaicos – Un pobo entre dous mundos». 

 O acto contará coa asistencia de Montserrat Magallanes Álvarez, deputada provincial; Quique Alvarellos, editor; Rafael Rodríguez, comisario da exposición; Manuel Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio; e Xurxo Ayán, arqueólogo e colaborador no libro. 

 Durante o transcurso da presentación proxectarase o vídeo deste proxecto, onde poderase gozar dunha viaxe polo rico patrimonio cultural ligado á historia das Rías Baixas e de Galicia. Durante o percorrido móstrase, a través dunha selección dos obxectos arqueolóxicos máis representativos, a evolución que se produce durante un longo período de 2.000 anos, desde a prehistoria ata a antigüidade tardía. O eixo atlántico do noroeste peninsular, onde se sitúan as Rías Baixas, é un territorio de gran actividade comercial onde converxen tradicións culturais e unha das zonas de España cunha maior densidade de xacementos arqueolóxicos. 

O libro 

 Tamén estará á venda o libro «Galaicos, Un pobo entre dous mundos», que conta con 180 páxinas a un prezo de 24€, unha impactante guía arqueolóxica e visual da provincia de Pontevedra na que se mostran 2.000 anos da historia de Galicia, desde a Idade de Bronce ata comezos do cristianismo, a través de 20 emblemáticos xacementos situados na provincia de Pontevedra. 

 Neste libro tamén se fala sobre o xacemento do Monte Santa Trega, que controla a desembocadura do río Miño. Trátase dun poboado galaico-romano ocupado desde o século IV a. C. ata o século I d. C. 


 O seu sistema construtivo reflicte a tradición castrexa, na que predominan as construcións circulares cunha arquitectura defensiva e doméstica. A área ocupada por esta cidade de altura alcanza as 20 hectáreas, o que o converte nun dos maiores castros atopados en terras galegas, aínda que soamente se escavou ata o momento un 5 % da súa superficie total. Unha área do poboado caracterízase polas casas-patio, formadas por distintas estancias agrupadas ao redor dun patio. As familias deste barrio manexaban un enxoval doméstico marcado pola presenza masiva de cultura material romana. As cabanas aséntanse directamente sobre a rocha nai. Os seus muros están recubertos de cal e area e no seu interior algunhas posúen bancos encastrados. 

 Entre os anos 2015 e 2016 realizáronse importantes achados, como unha cabeza pétrea, ánforas e lucernas romanas, pezas de cerámica terra sigillata, fragmentos de labras decoradas, o cunco de pasta millefiori (exemplar único, ata o de agora, no norte de Península), un puñal lexionario, o remate dun torque de ouro e máis de 42.500 pezas. O Monte Santa Trega é, sen dúbida, un dos legados patrimoniais máis importantes das Rías Baixas e de Galicia. 

Paisaxes de ilusión que non esquecerás… 

A desembocadura do principal río galego, o Miño, fai de fronteira e o mesmo tempo nexo de unión fluvial co veciño Portugal. Desde o nacemento deste río ata a súa desembocadura as mareas e a horizontalidade do terreo permiten a existencia de praderías ás beiras da canle navegable e de illotes. Unha contorna natural única salpicada por observatorios ornitolóxicos, miradoiros naturais e rutas de sendeirismo; a propia desembocadura posúe unha beleza monumental pola grandiosidade do seu espazo, que se pode divisar desde o alto do impoñente monte Santa Trega, onde se atopa o xacemento do mesmo nome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario