3ª BTT RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS
A organización espera rexistrar un novo éxito con 250 participantes
A cita celebrarase o domingo 21 de outubro no Rosal
Participantes no acto de presentación da 3ª BTT Ruta do Viño Rías Baixas
Infogauda / Deportes
A Ruta do Viño Rías Baixas, integrada no Club de Producto de las Rutas del Vino de España, espera un novo éxito de convocatoria con 250 participantes no seu BTT, cuxa terceira edición trasládase ao Rosal e celebrarase o domingo 21 de outubro. A presentación da cita deportiva tivo lugar no Pazo de Mugartegui.
O acto contou coa presenza do presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; a alcaldesa do Concello do Rosal, María del Carmen Alonso; a deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montserrat Magallanes; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o director comercial de Fontecelta, Juan José García. Tamén asistiron a esta presentación o concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño, Ismael Troncoso, e representantes de diversas adegas asociadas localizadas na subzona do Rosal.
Na súa intervención, Juan Gil de Araujo ratificou “a aposta da Ruta do Viño Rías Baixas por harmonizar enoturismo e deporte a través desta terceira edición da BTT”. Unha proba deportiva que “agardo que resulte todo un éxito, como en edicións anteriores, coa participación de 250 amantes do ciclismo”, afirmou.
A 3ª BTT Ruta do Viño Rías Baixas conta cun percorrido de 45,5 quilómetros, que discorrerá entre os concellos do Rosal e Tomiño. O punto de inicio e finalización será a Praza do Concello do Rosal. A proba dará comezo ás 09.30 horas e estímase unha duración aproximada de algo máis de dúas horas para completar o percorrido.
Esta actividade “ofrecerá aos participantes a posibilidade de descubrir os viñedos que rodean a cinco das nosas adegas asociadas”. Máis concretamente, o itinerario discorrerá por Quinta Couselo, Lagar de Cervera, Altos de Torona, Terras Gauda e Valmiñor.
Ademais, estableceranse dous puntos de avituallamiento. Alí os deportistas poderán repoñer forzas para finalizar a proba.
Gil de Araujo lembrou que todas as persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da web www.bttrutavinoriasbaixas.com. O prezo do dorsal é de 10 euros para deportistas federados e de 20 € para os que non o están. O custo cobre todos os seguros pertinentes para o bo desenvolvemento desta proba deportiva. O prazo para formalizar as inscricións finalizará o vindeiro xoves 18 de outubro.
Todas as persoas participantes levarán unha camiseta técnica de recordo, así como unha botella de viño da D.O. Rías Baixas elaborado por algunha das adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas. Ao finalizar a proba, ofrecerase un ágape a todos os deportistas.
Patrocinadores
O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas agradeceu o “apoio prestado desde o Grupo Corte Inglés e Fontecelta para o desenvolvemento da terceira edición da BTT. Esta actividade tampouco sería posible sen a colaboración das institucións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou os Concellos do Rosal e Tomiño”, concluíu
Ningún comentario:
Publicar un comentario