2 de out. de 2018

A GUARDA

O Concello apoia aos colectivos e asociacións 

· Coa sinatura de convenios de colaboración por un importe total de máis de 140.000,00 euros

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, con Rodrigo Pacheco Alonso, asinando o convenio correspondente á subvención nominal concedida o C. C. Guardés para o ano 2018
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

  O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e os representantes de 53 asociacións guardesas veñen de asinar os convenios para as subvencións nominais concedidas a cada unha delas para o ano 2018, aprobados en Pleno Ordinario. Dese xeito o fai público o executivo municipal do consistorio guardés.

 Desde o concello de A Guarda indican que “as axudas municipais, cunha contía total de 125.610,00€, destínase a distintas asociacións guardesas de carácter deportivo (70.300,00€), cultural (36.110,00€) e social (19.200,00€), co obxectivo de contribuír ao correcto desenvolvemento das entidades de acordo coas actividades levadas a cabo por cada unha delas, apoiando o traballo e o esforzo que realizan en favor da nosa comunidade.  

 De entre o total das asociacións beneficiarias, 27 delas son entidades culturais e 19 constitúen asociacións deportivas, namentres as 7 restantes desenvolven labores de carácter social e, de xeito extraordinario, as Festas do Monte  Santa Trega perciben axuda en calidade de actividade cultural por valor de 15.000,00€.

 Os colectivos que recibirán un maior importe en cada ámbito son as Festas do Monte Santa Trega e a Asociación das alfombras florais (Cultura), o Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés e o Club Sporting Guardés (Deporte), e o Centro San Xerome Emiliani e a Asociación Érguete (Fins Sociais). 

 O Concello da Guarda é un dos gobernos locais da comarca que máis subvencións destina ás asociacións deportivas, culturais e de carácter social do seu municipio, dada a variedade e calidade das organizacións que desenvolven unha importante labor diaria en beneficio dos guardeses e guardesas.  

 Tamén cabe destacar o apoio que se realiza dende o Concello da Guarda a estes colectivos ao longo do ano aportando materiais, infraestruturas e operarios municipais para colaborar nos distintos eventos que se realizan, así coma a cesión de espazos públicos, petición de permisos, entre outras xestións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario