23 de maio de 2018

A GUARDA

A Deputación de Pontevedra subvenciona unha aplicación para a xestión informática do padrón   

A veciñanza poderá realizar os trámites padroais a través da Sede Electrónica do Concello da Guarda.  

Sara Alonso / A Guarda

 O Concello da Guarda vén de adherirse ao Acordo Marco da Deputación de Pontevedra para a prestación do servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de padrón municipal para os concellos da provincia.  

 Este novo servizo permitirá, entre outras cousas, a implantación dunha nova aplicación para a xestión informática do padrón de habitantes. Deste xeito, a veciñanza poderá realizar xestións relacionadas co padrón a través da Sede Electrónica do Concello da Guarda, a través de Internet e dende a súa casa, o que reducirá os tempos de espera e xerará unha administración máis próxima e cómoda para a cidadanía.   

 O sistema permitirá, así mesmo, simplificar a xestión interna do padrón, axilizando a tramitación de expedientes relacionados coas altas, baixas, modificacións ou renovacións padroais, entre outras xestións. A Deputación de Pontevedra financiará o servizo durante dous anos, prorrogables por dous anos máis. Este comezará a funcionar, previsiblemente, a mediados do  mes de xuño.   

 Amais deste acordo, o Concello da Guarda vén de adherirse ao Acordo marco da institución provincial para a contratación do servizo de impresión e dixitalización municipal, que se fará efectivo unha vez se produza o traslado á nova casa do concello. Este convenio permitirá acceder a un sistema de contrato único que abarca todas as necesidades dos sistemas de impresión e dixitalización municipais, dun xeito máis sinxelo e en condicións máis competitivas que na contratación individual. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario